Financiadas con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

Coñece as novas liñas de axudas ao autoconsumo e as renovables

A Xunta de Galicia abre esta semana o prazo de solicitude de novas liñas de axudas dirixidas ao autoconsumo e enerxías renovables destinadas a particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas, dotadas cun total de 17,2 millóns de euros.

Coñece as novas liñas de axudas ao autoconsumo e as renovables
Caldera de biomasa.
Caldeira de biomasa.

En concreto, aqueles interesados xa poden solicitar os apoios ao autoconsumo eléctrico a partir de proxectos baseados en enerxías renovables, unha liña para a que o Goberno galego destina 11,5 millóns de euros. A intensidade destes apoios, de concorrencia non competitiva –é dicir, por orde de presentación de solicitudes–, varía en función da instalación pero calcúlase que poida permitir aforros nas facturas enerxéticas de 2,6 millóns de euros ao ano e mobilizar 28 millóns.

Por outra parte, este mércores, 15 de decembro, tamén se activará a convocatoria para apoiar proxectos de xeotermia e hidrotermia e o xoves 16 abrirase a referida a iniciativas baseadas en aerotermia. Así mesmo, a partir do venres 17 poderán solicitarse os apoios para proxectos de biomasa e enerxía soltar térmica.

Esta liña de axudas de renovables térmicas vai dirixida ao sector residencial e conta cunha dotación de preto de 5,7 millóns de euros e, aínda que a intensidade da axuda tamén é moi variable, os apoios poden chegar aos 13.500 euros no caso de instalacións xeotérmicas de circuíto pechado. O obxectivo é mobilizar ao redor de 10 millóns de euros e acadar aforros económicos de 500.000 euros ao ano.

As peticións de axuda presentaranse directamente polo solicitante, agás no caso de persoas físicas que non realicen actividades económicas ou unha comunidade de propietarios, que o farán a través de entidades colaboradoras.

Impulso ás renovables

A través destas convocatorias, a Xunta segue a impulsar o uso de enerxías renovables entre todo tipo de usuarios –fogares, empresas e administracións– co obxectivo de avanzar na transición ecolóxica. Así, estes apoios contribuirán á redución dos custos enerxéticos dos beneficiarios, nun momento de continua escalada de prezos na factura da luz que teñen que pagar familias e empresas; ademais da creación de emprego, a reactivación económica e a mellora ambiental que repercute na calidade de vida dos cidadáns.

As convocatorias, financiadas con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, súmanse ás abertas en outubro que, dirixidas a empresas e cun orzamento de 19,8 millóns de euros, busca fomentar tamén o autoconsumo e o almacenamento enerxético.

Deste xeito, entre as axudas para autoconsumo e fomento das enerxías renovables que se abren esta semana e as liñas que se convocaron en outubro para empresas, a Xunta destina 37 millóns de euros, o que se traducirá nunha mobilización de investimentos público-privados de 98 millóns de euros, aforros económicos de 10 millóns ao ano e a redución de 33.100 toneladas de emisións anuais de CO2 –equivalente a plantar 1.655.000 árbores–.




 




 

Comentarios
Coñece as novas liñas de axudas ao autoconsumo e as renovables