Tamén premiará a excelencia empresarial

O Concello de Santiago concederá axudas a empresas de economía social e actuacións de economía circular

O BOP Coruña vén de publicar as convocatorias de subvención destinadas a apoiar ás empresas de economía social, ás actuacións en materia de economía circular e á primeira edición dos "Premios de excelencia empresarial Axenda Urbana 2030" do Concello de Santiago. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 19 de outubro e o día 2 de novembro.
O Concello de Santiago concederá axudas a empresas de economía social e actuacións de economía circular
1666096737cersia2
As bases das subvencións pódense consultar na web municipal de CERSIA.

O Concello de Santiago investirá un total de 460.000 euros nestas tres convocatorias de axudas, enmarcadas no programa "Compostela móvese". Os seus obxectivos son avanzar na diversificación da economía para acadar a transformación estrutural que permita maiores níveis de produtividade; anticiparse aos retos de sustentabilidade ambiental e transición enerxética; crear iniciativas que permitan garantir a calidade de vida nunha poboación cada vez máis envellecida; apostar por sectores, como o cultural que funcionan como elementos vertebradores do territorio e que contribúen a construir identidade, e no que tan importantes son as cooperativas; e avanzar na inclusión sociolaboral da diversidade.
 

Economía social

A convocatoria das "Axudas destinadas a apoiar ás empresas de economía social de Santiago de Compostela. Ano 2022" conta cun orzamento de 250.000 euros. A finalidade destas axudas é contribuír á consolidación e desenvolvemento do tecido empresarial no Concello apoiando a empresas de economía social mediante axudas ao gasto corrente no que incorren para desenvolver a súa actividade empresarial, nun momento especialmente delicado tras a pandemia da COVID-19 e os efectos derivados da mesma.

Poderán resultar beneficiarios das axudas previstas nesta convocatoria as cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego, e empresas de inserción. O importe final da subvención, non poderá superar o importe máximo de 5.000 euros por beneficiario, nin o importe total do 80% dos gastos subvencionables debidamente xustificados.
 

Economía circular

A convocatoria das "Subvencións a empresas para actuacións en materia de economía circular no Concello de Santiago e Compostela. Ano 2022", conta cun orzamento de 150.000 euros. O obxecto das bases é a regulación das condicións que rexerán a concesión das axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas ao desenvolvemento de proxectos de economía circular. É dicir, aquela economía na que o valor dos produtos, os materiais e os recursos mantense durante o maior tempo posible, reducindo ao mínimo a xeración de residuos.

Poderán ser beneficiarias das axudas que contemplan as presentes bases as empresas privadas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que exerzan unha actividade mercantil, teñan domicilio social e fiscal no Concello de Santiago ou desenvolvan as actividades subvencionables nun centro sito no municipio compostelán. As bases completas da mesma poderán consultase na Base Nacional de Subvencións así como na web municipal de CERSIA.
 

Premios á excelencia empresarial

Doutra banda, o Concello de Santiago tamén convoca a primeira edición dos "Premios á excelencia empresarial Axenda Urbana 2030. Concello de Santiago", aos que reserva 60.000 euros. O seu obxectivo é premiar ás empresas que se houberan distinguido polas boas prácticas no campo da conciliación laboral e familiar, economía circular, innovación, comercialización en produtos e servizos culturais, retos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e, tamén, boas prácticas de empresas de economía social.

Están dirixidos a todas as empresas que teñan a súa sede social fiscal e, cando menos, un centro de actividade no Concello de Santiago de Compostela, baixo calquera forma xurídica admitida en dereito, e sexa cal sexa o seu campo de actividade. Establécense as seguintes categorías, valorando criterios:

  • Boas prácticas en materia de economía circular.
  • Boas prácticas en materia de innovación e ciencia aplicadas ao modelo de negocio.
  • Boas prácticas en innovación en comercialización de produtos e servizos culturais.
  • Boas prácticas aliñadas cos retos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e os ODS da Axenda 2030.
  • Boas prácticas de empresas de economía social.

 

Prazos e formas de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para todas elas iníciase o 19 de outubro e remata o día 2 de novembro, ambos incluídos. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos. 

Para a presentación das solicitudes as persoas beneficiarias poden contar co asesoramento do Servizo de Apoio á Empresa da Oficina de Economía do Concello de Santiago. 
 

Comentarios
O Concello de Santiago concederá axudas a empresas de economía social e actuacións de economía circular