A Xunta agarda apoiar o mantemento de 500 postos de traballo con esta convocatoria

Centros especiais de emprego afectados pola covid-19 poderán optar a axudas de ata 60.000 euros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria dunha liña de axudas excepcionais dirixidas garantir a viabilidade e a consolidar os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social en centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral.
Centros especiais de emprego afectados pola covid-19 poderán optar a axudas de ata 60.000 euros

As entidades poden solicitar as axudas desde o xoves 18 de febreiro, con contías máximas que poden acadar os 60.000 euros, en función das perdas acreditadas no exercicio 2020.

O Goberno galego calcula que estes apoios poderán chegar a unhas 20 entidades e poderán contribuír a preservar uns 500 postos de traballo de persoas con especiais dificultades para a súa inserción laboral, como traballadoras e traballadores con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Esta nova liña de axudas, que se insire na Estratexia pola economía social da Xunta de Galicia, pretende saír ao rescate dos centros especiais de emprego de iniciativa social e das empresas de inserción laboral e compensar parte das perdas padecidas a causa da emerxencia sanitaria. Permitirán cubrir como máximo o 50% das perdas rexistradas o ano pasado por cada entidade beneficiaria, cun importe tope por entidade non superior a eses 60.000 euros.

Os apoios, que se executarán mediante pagamentos directos, financiaranse con cargo ás contas da Comunidade, en concreto cos denominados fondos covid-19 cos que a Administración galega está a facer fronte ás repercusións económicas e sobre o emprego da pandemia.

As entidades que resulten beneficiarias, deberán comprometerse a manter a súa actividade económica e o emprego durante polo menos seis meses desde a concesión da axuda.

 


 

No momento actual o Goberno galego está a adoptar políticas que favorecen non só a creación de emprego senón a consolidación do existente. Un papel que resulta aínda máis necesario no caso das persoas cuxa integración laboral supón máis dificultades.


 

Axudas de carácter excepcional e extraordinario coma as convocadas hoxe, contribuirán a equilibrar e reestruturar financeiramente as entidades da economía social, para acadar niveis de produtividade e rendibilidade que garantan a súa viabilidade e estabilidade. Ademais dan resposta a unha das actuacións prioritarias recolleitas na Estratexia de economía social de Galicia como é a posta en marcha de medidas específicas dirixidas a apoiar as entidades xa existentes no seu proceso de desenvolvemento e consolidación e o apoio aos centros que traballan pola inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión.


 


 

Comentarios
Centros especiais de emprego afectados pola covid-19 poderán optar a axudas de ata 60.000 euros