Presenta programas de Igape, Gain, Xera e Agader

Camiño de Futuro achega o mapa de apoios da Xunta ás pemes de Valdeorras

Camiño de Futuro, a iniciativa da Xunta de Galicia para presentar o seu mapa de axudas ao tecido empresarial, fixo parada este luns no Barco de Valdeorras, nun acto ao que asistiron medio cento de empresarios e emprendedores da comarca.
Camiño de Futuro achega o mapa de apoios da Xunta ás pemes de Valdeorras
Marisol Novoa, presidenta da CEO, intervindo na xornada Camiño de Futuro.
Marisol Novoa, presidenta da CEO, intervindo na xornada Camiño de Futuro.

Representantes do Igape, da Axencia Galega de Innovación, da Axencia Galega da Industria Forestal e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural foron os encargados de ofreceren unha explicación pormenorizada deste mapa de apoios, nun acto no que tamén interviron o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, o alcalde do Barco, Alfredo García, e a rexedora de Carballeda de Valdeorras, Mª Carmen González, e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Novoa.

Alfredo García agradeceu a celebración deste encontro e destacou a necesidade na comarca de ‘manter o emprego e xerar tamén emprego no rural para ter as condicións de poder vivir do territorio nunha zona que ten falta de asentamento poboacional e a necesidade de instalar empresas na comarca, máis preto da península que ningunha outra’. Pola súa parte, a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, Mª Carmen González, apostou pola necesidade de ‘crear un rural dinámico no que teñamos servizos e que permita emprender e vivir en Valdeorras’.

Gabriel Alén salientou que Camiño de Futuro é continuación do Camiño da Innovación que o ano pasado percorreu pemes de 18 localidades galegas para asesorar a máis de 240 pemes e lembrou que a mensaxe é que ‘o tamaño, a localización ou o sector non poden ser unha barreira para a innovación e esta non é só cousa das grandes empresas da automocion ou téxtiles que todos coñecemos; a innovación e a mellora continua está ao alcance de todos’.

Marisol Novoa, pola súa banda, aproveitou para lembrar que na comarca valdeorresa a CEO ven de poñer en marcha a oficina de Conecta Ourense e insistiu en que ‘en este contexto tan incerto e complexo é cando máis debemos estar a carón das empresas, cada organismo, administración ou entidade que aquí estamos na súa parcela de competencias e ao máximo das súas posibilidades, facilitando as condicións idóneas para que podan seguir desempeñando a súa actividade’.

Esta é a primeira das paradas do Camiño de Futuro na provincia de Ourense, e congregou máis de medio cento de empresarios, empresarias, persoas emprendedoras, e representantes de entidades empresariais da contorna como Aeva, Acoval ou o Clúster da Pizarra. Este Camiño de Futuro ten como obxectivo, ademais de dar a coñecer estes apoios, promover a súa utilización para fomentar a modernización do tecido produtivo, mellorar a súa competitividade e facilitar o seu crecemento, así como impulsar a innovación, internacionalización e sustentabilidade entre as máis afastadas dos núcleos urbanos. En próximos días a iniciativa visitará Allariz e Beade, para proseguir a súa ruta por terras pontevedresas e coruñesas.

Apoios para 2022 e experiencias de éxito de empresas

Os representantes do Igape, da Axencia Galega de Innovación (Gain), de Xera, de Agader e dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) explicaron todas as posibilidades para as empresas da comarca de Valdeorras de acceder a apoios vinculados coa innovación, o emprendemento, a dixitalización, internacionalización, sustentabilidade, produtos e procesos agrícolas e sectores como apicultura, silvicultura, e mesmo actividades non agrarias no rural, entre outras. Un completo abano de apoios e axudas para o tecido empresarial.

O Igape presentou as axudas ao emprendemento no ámbito rural, a través de Galicia Emprende. Para fomentar a competitividade teñen abertas varias liñas como a de dixitalización da industria 4.0, e obradoiros de dixitalización, e o programa Reacciona para pemes e autónomos con máis de tres efectivos. Ademais abren unha nova liña para proxectos que desenvolvan a economía circular. Por outra banda, a través de financiamento presentaron a liña Galicia Inviste e os convenios coas sociedades de garantía recíproca, préstamos directos do Igape e a liña IFI Innova, son investimentos mobilizados para autónomos e pemes no sector industrial. E para fomentar a internacionalización, ábrese novamente a liña Galicia Exporta Dixital para empresas exportadoras, para proxectos individuais ou colectivos.

A Axencia Galega de Innovación, Gain, presentou tamén novas liñas de axudas como Programa Investigo e Talento Senior, para contratar investigadores e tecnólogos ata 30 anos para a realización de actividades de I+D+i, por empresas e organismos de investigación. Gain tamén favorece outros apoios como axudas ás etapas de pre e pos doutoramento para incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a adquisición e perfeccionamento das habilidades propias do persoal investigador doutor.

Para iniciativas de emprendemento innovador Gain pon a disposición o apoio a proxectos excelentes Neotec, e no ámbito da innovación empresarial presentou as liñas Innova Pema, Bonos de innovación, Deseña Peme e Re-acciona Innovación, que van desde a mellora da capacidade innovadora de microempresas e pemes, ata a contratación de servizos externos que faciliten actividades de innovación, a incorporación do deseño no desenvolvemento de produtos e servizos, e servizos avanzados a empresas para a mellora da súa competitividade a través da innovación no caso de Re-acciona Innovación.

Os representantes de Agader, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, explicaron as axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, para accións silvícolas, creación de empresas para persoas agricultoras mozas, a mellora da sustentabilidade, competitividade e resiliencia do sector agroalimentario desde o punto de vista económico, medioambiental e social; o fomento de actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, para actividades non agrícolas en zonas rurais, e para a implantación de proxectos piloto para o desenvolvemento de produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario, agrícola e forestal.

Finalmente, a Axencia Galega da Industria Forestal tamén participou neste acto e presentou as liñas de axuda para este sector, como as Xera-Tecno, liñas de apoio á explotación forestal e primeira transformación nas pemes desta industria, así como á valorización da segunda transformación. A liña Xera-Savia vai encamiñada á mellora da formación e coñecemento da industria forestal por parte de asociacións sectoriais e colexios profesionais. Utilizamadeira é unha liña de fomento da demanda de produtos forestais dirixidas a pemes, particulares e entidades sen ánimo de lucro; Xera-Ecoinnova e Xera-Dixital son novas liñas para fomentar proxectos de dixitalización e de ecodeseño de produtos e solucións de economía circular para pemes que utilicen madeira e melloren a pegada ambiental.

A utilidade destas axudas foi contrastada posteriormente coa exposición de casos de pemes que acadaron os obxectivos de innovación e mellora nos seus proxectos empresariais como Samaca, Regalsa facility service e Meraki Cakes & Food.

Camiño de Futuro achega o mapa de apoios da Xunta ás pemes de Valdeorras