A Xunta destina 800.000 euros

As axudas para RSE, igualdade laboral e conciliación increméntanse nun 36%

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria de axudas para impulsar a implantación de sistemas de xestión de RSE, plans de igualdade laboral e medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral nas pemes e micropemes galegas, incentivos aos que a Xunta destina máis de 800.000 euros, un 36,2% máis que en 2016

As axudas para RSE, igualdade laboral e conciliación increméntanse nun 36%
Covadonga Toca na súa visita á empresa Proquideza.
Covadonga Toca na súa visita á empresa Proquideza.

A convocatoria, que estará aberta ata o 5 de xuño, establece tres liñas de axudas. Para a implantación da RSE (Responsabilidade Social Empresarial) apoiarase a obtención de certificacións ou de informes de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares neste ámbito financiando o 100% dos custos do proceso de certificación ou verificación, cun máximo de 2.500 euros por empresa.

Así mesmo, apoiarase a obtención de certificacións de plans de igualdade cunha axuda de 2.000 euros por empresa que certifique a implantación dun plan deste tipo e, en terceiro lugar, para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal establécense incentivos para o fomento do teletraballo e flexibilidade horaria con axudas de 3.000 euros por persoa traballadora beneficiada con límite máximo de 12.000 euros por empresa. Este incentivo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa, polo menos, igual que a masculina.

Unha terceira liña de axudas está destinada á adquisición de elementos tecnolóxicos que faciliten o teletraballo, subvencionándose ata o 80% do investimento co tope de 1.500 euros por persoa traballadora beneficiada e co límite máximo de 5.000 euros por empresa. A intensidade desta axuda verase incrementada nun 10% para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa, cando menos, igual á masculina.

Poderanse financiar accións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2017.

Visita a Proquideza

Precisamente a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, informou destas convocatorias durante unha visita en Lalín á empresa Proquideza, que recibiu o pasado ano o apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a certificación de sistemas de xestión en seguridade e saúde no traballo, a través das axudas destinadas a fomentar a Responsabilidade Social Empresarial (RSE). . Esta compañía deseña, fabrica e comercializa especialidades químicas centradas nos ámbitos agroalimentario, alimentario e industrial, sectores aos que achega solucións específicas dentro do sector da hixiene.

Comentarios
As axudas para RSE, igualdade laboral e conciliación increméntanse nun 36%