Aberto o prazo para que concesionarios e instaladoras de puntos de recarga soliciten ser entidades colaboradoras

As axudas do Moves III para compra de vehículos eléctricos poderán alcanzar os 9.000 euros

Desde o 6 de agosto está aberto o prazo para que concesionarios, no caso de adquisición de automóbiles, e empresas instaladoras de baixa tensión para a implantación de infraestruturas de recarga presenten as súas solicitudes como entidades colaboradoras do plan Moves III.
As axudas do Moves III para compra de vehículos eléctricos poderán alcanzar os 9.000 euros
Habrá ayudas para la adquisición de vehículos eléctricos o alternativos.
O Moves III inclúe axudas para fomentar a adquisición de vehículos eléctricos, híbridos enchufables ou de pila de combustible e para implantar puntos de recarga.

As axudas do plan Moves III,  o programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica, están xestionadas pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), e diríxense a particulares, comunidades de propietarios, empresas e entidades locais que poderán presentar as súas solicitudes a partir do 13 de setembro deste ano e ata o 31 de decembro de 2023 ou ata que se esgote o crédito, xa que se trata dunha convocatoria de concorrencia non competitiva.

A principal novidade desta convocatoria con respecto ás anteriores é que haberá dúas únicas liñas. A primeira delas ten como obxectivo fomentar a adquisición de vehículos eléctricos, híbridos enchufables ou de pila de combustible. Neste caso, as axudas oscilarán entre os 700 e os 9.000 euros por automóbil en función do tipo de solicitante, características do vehículo ou uso, entre outras cuestións. Así, a compra de motocicletas e cuadriciclos apoiarase con axudas de ata 2000 euros; os turismos recibirán ata 7.000 euros; e as furgonetas poden chegar aos 9.000 euros. Os particulares só poderán dispoñer de apoios para a compra dun vehículo, mentres que o resto de beneficiarios –entre os que se encontran autónomos e pemes– poden solicitar ata 50 por ano –fronte os 30 de límite na anterior edición–.

A segunda liña do Moves III diríxese á implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, con axudas de entre o 30% e o 80% do custo subvencionable en función do tipo de solicitante, potencia, ou localización en concellos de menos de 5000 habitantes. Deste xeito, a axuda máxima duplícase con respecto a anteriores convocatorias, onde era do 40%.

Con estes apoios, a Xunta de Galicia agarda mobilizar 98 millóns de euros, favorecer un aforro económico anual de 2,3 millóns nos custos de combustible e conseguir unha redución de CO2 equivalente a plantar 186.000 árbores. Deste xeito, as axudas contribuirán a seguir avanzando na descarbonización do transporte, reducir os custos enerxéticos dos propietarios de vehículos e fomentar unha rede pública e privada de puntos de recarga.

As dúas convocatorias anteriores do programa Moves xa permitiron destinar preto de 6 millóns de euros para apoiar un total de mil proxectos de mobilidade eléctrica. A maiores, grazas ás axudas dos Plans de transición a unha mobilidade eficiente promovidos pola Xunta de Galicia, facilitouse a adquisición de 750 vehículos de baixo consumo e baixas emisións.

 




 

Comentarios
As axudas do Moves III para compra de vehículos eléctricos poderán alcanzar os 9.000 euros