Cubrirán entre o 35 e o 55% dos investimentos, cun máximo de 500.000 euros por proxecto

Industrias e empresas de servizos poderán solicitar axudas para proxectos de eficiencia enerxética

A Xunta vén de abrir o prazo de solicitude das axudas destinadas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores da industria e servizos e este mércores abrirá outra liña de subvencións para fomentar o uso de enerxías renovables térmicas.

Industrias e empresas de servizos poderán solicitar axudas para proxectos de eficiencia enerxética
Las placas fotovoltacias se instalaron sobre la cubierta del aparcamiento del Gadis Hiper de Tui.
As empresas e industrias terán axudas para proxectos de edifiencia enerxética e uso de enerxías renovables térmicas.

A administración galega dota con cinco millóns de euros esta convocatoria de concorrencia non competitiva que pretende fomentar os investimentos empresariais en aforro e eficiencia, así como reducir os custos enerxéticos das compañías e autónomos. Prevese chegar a 40 beneficiarios, mobilizar 12,5 millóns de euros, crear ou manter 170 empregos e favorecer un aforro económico anual de 3,7 millóns de euros nas facturas enerxéticas das empresas e unha redución de CO2 equivalente a plantar 615.000 árbores.

As axudas, dirixidas a empresas e autónomos, cubrirán o 35% no caso de grandes empresas, o 45% nas medianas e o 55% nas pequenas cun máximo de 500.000 euros por proxecto e un millón de euros por empresa.

Apoiaranse actuacións que xustifiquen o aforro mínimo requirido -20%- e que estean relacionadas con substitución ou mellora de equipos e instalacións consumidores de enerxía do proceso produtivo e auxiliares; renovación ou mellora de instalacións de produción de calor e frío; mellora da iluminación; ou implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión, así como auditorías enerxéticas.

Nos últimos nove anos, concedéronse preto de 1.500 axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética na industria, servizos e sector agrícola cun orzamento de 46,7 millóns de euros.

Renovables térmicas

Ademais desta liña de axudas, a Xunta abrirá este mércores 20 de abril a convocatoria para fomentar o uso de enerxías renovables térmicas, dirixida a persoas que realicen unha actividade económica pola que ofrezan bens ou servizos ao mercado, polo que os principais beneficiarios serán as empresas.

O orzamento, financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, será de 6,1 millóns de euros para apoiar proxectos de biomasa, aerotermia, xeotermia e hidrotermia, así como solar térmica. Neste caso, a contía das axudas será do 35% no caso das grandes empresas, 40% nas medianas e 45% nas pequenas, cun 5% adicional se as actuacións se desenvolven en concellos que cumpran os criterios do reto demográfico. As axudas son de concorrencia non competitiva.

Ambas as dúas convocatorias forman parte do Plan de aforro enerxético para empresas e do Plan de choque da Xunta de Galicia.

Industrias e empresas de servizos poderán solicitar axudas para proxectos de eficiencia enerxética