Desde Gain recomendaron ás empresas estar atentos ás convocatorias dos fondos Next Generation

A Axencia Galega de Innovación e o Igape avanzan as axudas para 2023 ao empresariado ourensán

Representantes do Igape e da Axencia Galega de Innovación presentaron este venres na Confederación Empresarial de Ourense (CEO) as axudas dos organismos autonómicos dependentes da Vicepresidencia primeira da Xunta e Consellería de Economía, Industria e Innovación previstas para 2023.
A Axencia Galega de Innovación e o Igape avanzan as axudas para 2023 ao empresariado ourensán
2022-10-28_presentación serviaut
David Martínez, presidente de AEPA Ourense, presentou as intervencións dos representantes de Igape e Gain.

A xornada coa participación de Patricia Fernández, directora da Área de Servizos de Axencia Galega de Innovación (Gain), e Miguel Fidalgo, responsable da Oficina Sur do Igape, que foron presentados polo presidente da Asociación Empresarial de Profesionais Autónomos de Ourense, David Martínez.

Este ciclo de xornadas de adianto das axudas para o 2023 ten o obxectivo de manter ao tecido empresarial ao tanto dos apoios que terán continuidade e as novas liñas de actuación destes  organismos. A oficina Conecta Ourense da CEO encargouse da organización dos eventos informativos, e ademais realiza unha labor de acompañamentos, asesoramento e apoio para orientar ás empresas coas súas solicitudes destas axudas.

Programas da Axencia Galega de Innovación

Nun primeiro lugar, a responsable de Gain repasou las liñas de apoio habituais da Axencia Galega de Innovación facendo especial fincapé nas novidades que presentan para 2023. Entre elas convocatorias de nova creación como Integra, que aposta pola mellora de infraestruturas de centros tecnolóxicos e fortalecer as súas capacidades, esta liña está prevista para que saia publicada no cuarto trimestre do ano.

Patricia Fernández tamén resaltou as novas Misións RIS3, que financian grandes programas cooperativos de temáticas concretas e prioritarias para Galicia, determinadas pola axencia. Neste sentido, para detectar a realidade do tecido empresarial estas temáticas establecéronse a través da celebración de foros, encontros empresariais e a realización de enquisas entre o tecido empresarial galego a comezos deste ano 2022 co fin de definir estas preferencias para Galicia.

A Axencia continuará coas liñas de gran traxectoria como Innova Peme e Deseña Peme, convocatorias que están valorando fusionar co fin de simplificar a xestión do trámite de solicitude así como a execución da memoria. Tamén terá continuidade o Programa Ignicia, que apoia o coñecemento de  organismos de investigación  que necesiten validar os resultados da súa investigación (cesión de coñecemento) ou o xa coñecido Conecta Peme, que financia proxectos de I+D+i de pemes para facilitar a cooperación entre empresas e axentes do ecosistema.

Outro apunte da relatora foi que se consolidan os Bonos de Innovación, un programa piloto lanzado neste ano con gran aceptación e que se convocará no primeiro trimestre de 2023, coa posibilidade este ano de incorporar deseño. 

No apartado de aceleradoras, a directiva de Gain subliñou que continúan as destinadas a emprendedores ou empresas de recente creación, e nacerá unha nova liña dedicada á biotecnoloxía para consolidar este campo. Ademais, continúan Turislab, ViaGalicia, e consolídase a iniciativa Galicia Avanza para que empresas consolidadas poidan comercializar un produto innovador ou tecnolóxico no exterior. Trátase dun programa que a axencia xestiona coa colaboración da Tecnópole ourensá.

En canto ás axudas á contratación de persoal, continúan os programas pre-doutoramento, post-doutoramento e incentivos á contratación co programa Investigo, que permite contratar persoal de ata 30 anos para realizar as actividades de I+D+i, con perfís non só de investigadores senón tamén xestores da innovación ou técnicos de innovación entre outros. Esta orde preséntase en concorrencia non competitiva, polo que a relatora recomendou estar atentos á súa convocatoria e recalcou que non é unha porcentaxe da axuda senón un incentivo fixo á contratación.

Patricia Fernández destacou tamén a nova orde Posiciona que consiste na recuperación de proxectos nacionais excelentes. Preténdese rescatar no 2023 os proxectos presentados ante o CDTi de NEOTEC e en NEOTEC MUJERES co fin de permitir que os que superen a nota de corte de CDTI obteñan financiamento tamén en Galicia. Prevese a súa saída no primeiro trimestre.

A relatora da Axencia Galega de Innovación recomendou prestar tamén atención aos fondos Next Generation xa que está previsto que saian bastantes convocatorias relacionadas, e incidiu na preparación das axudas acudindo aos servizos de asesoramento da propia axencia e tamén de Conecta Ourense, a oficina da CEO da que resaltou o seu bo asesoramento na presentación das solicitudes de empresas.  Tamén aconsellou antes de facer calquera gasto, buscar a convocatoria máis idónea na que encaixar os conceptos subvencionables e non anticipar gastos que non o son.

Programas do Instituto Galego de Promoción Económica

Por parte do Igape interveu Miguel Fidalgo, o responsable da Oficina Sur deste organismo, quen, lembrou que os programas vinculados ao emprendemento, que agora responden ao nome de Xempre Emprendemento, foron transferidos á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Fidalgo lembrou que as axudas do Igape atinxen basicamente a tres aspectos: servizos, axuda económica e axuda financeira.

No eido da competitividade, Miguel Fidalgo presentou o programa Reacciona dotado con 3,2 millóns de euros e que terá prazo ata o 8 de abril.

A dixitalización da industria 4.0 tamén contará cunha liña de axuda por un importe total de 6,6 millóns de euros destinados a pemes ou agrupacións de empresas que presenten proxectos individuais ou colectivos. A cobertura da axuda pode chegar ata o 50% do investimento.

Os obradoiros de dixitalización e economía circular, dentro deste mesmo apartado de competitividade, foron outras das axudas presentadas por Fidalgo, que indicou para a primeira unha previsión de investimento de 400.000 euros.

Galicia Inviste está destinada a autónomos e pemes do sector industrial, incluíndo hoteis, e cubre investimentos e gastos como obras, maquinaria ou mobiliario en proxectos de investimento empresarial, do sector aloxamento ou equipamento produtivo.  

No apartado de financiamento, Fidalgo falou dos convenios coas Sociedades de Garantía Recíproca, dos préstamos directos do Igape nos que resaltou como novidade que inclúen a financiación operativa de industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia; e finalmente os IFI Innova para sociedades mercantís con proxectos innovadores.

A internacionalización de empresas tamén contará con axudas específicas, das que o relator do Igape resaltou a de Galicia Exporta Dixital para pemes que leven a cabo un plan de internacionalización dixital; a Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios, para levar a cabo proxectos individuais ou colectivos de pemes, autónomos ou organismos de todos os sectores de actividade, que prevé a súa publicación na primeira metade do ano, xunto coa de Xestores de Exportación para que empresas e organismos intermedios podan contratar persoal dedicado á exportación.

ServiAutónomo, aplicación gratuita para a xestión empresarial

No transcurso desta xornada informativa, David Martínez, presidente da Asociación Empresarial de Profesionais Autónomos de Ourense, fixo a presentación de ServiAutónomo, o primeiro gran directorio dixital de provedores de servizos, que reúne aos autónomos de España, tanto os individuais como os autónomos societarios e pemes, nun espazo que funciona como un súper buscador. 

Comentarios
A Axencia Galega de Innovación e o Igape avanzan as axudas para 2023 ao empresariado ourensán