XORNADA INFORMATIVA ORGANIZADA POLA CEO E ADERCOU

17 concellos ourensáns buscan inversores para iniciativas cofinanciadas polo programa Leader

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e máis a Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense (Adercou) celebraron este xoves unha xornada de promoción das liñas de axuda do Programa Leader 2014-2020.

17 concellos ourensáns buscan inversores para iniciativas cofinanciadas polo programa Leader
Reunión informativa na CEO sobre as axudas do programa Leader.
Reunión informativa na CEO sobre as axudas do programa Leader.

Na xornada, a xerente de Adercou, Beatriz Martínez, explicou que o programa Leader 2014-2020 ten habilitadas axudas para proxectos que contribúan á potenciación do rural “a través da posta en marcha, creación, modernización ou ampliación de iniciativas empresariais nos concellos que forman parte do seu ámbito de actuación".

A xerente de Adercou aclarou que a achega de diñeiro europeo está contemplada para iniciativas públicas e tamén para outras de carácter privado, que foi ás que se referiu na sua intervención. Neste senso apuntou que un dos requisitos indispensables era que o investimento ten que ser feito dentro do territorio que abranguen os 17 concellos membros de Adercou, que son Amoeiro, Barbadás, Cartelle, Coles, Esgos, Gomesende, A Merca, Nogueira de Ramuín, Ourense, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Ramirás, San Cibrao das Viñas, Toén, Vilamarín e Xunqueira de Espadañedo.

A presentación da xorndada correu a cargo de Alejandro Cruz, vicepresidente da CEO, quen suliñou a necesidade de facer investimentos no medio rural para darlle vida e evitar a desertización demográfica que están sufrindo moitos pobos da provincia de Ourense. Apuntou que as axudas contempladas no programa Leader poden ser un estímulo para pór en marcha ideas empresariais vencelladas ao rural.

Comentarios
17 concellos ourensáns buscan inversores para iniciativas cofinanciadas polo programa Leader