Axudas de ata 3.000 euros

O 1 de agosto abre o prazo para solicitar o Bono Autónomo

A Consellería de Economía, Emprego e Industria abre o 1 de agosto o prazo para solicitar o Bono Autónomo, unha das medidas incluídas na Estratexia Autónomo 2020 do Goberno galego.

O 1 de agosto abre o prazo para solicitar o Bono Autónomo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns unha medida coa que se prevé beneficiar a 1.000 persoas que gañarán en profesionalidade, desenvolvemento estratéxico e competitividade. A Xunta apoiará con ata 3.000 euros a cada traballador, que deberán ter unha antigüidade mínima como autónomo de 42 meses e unha facturación mínima anual de 12.000 euros no ano anterior ao da convocatoria. A Consellería de Economía, Emprego e Industria anticipará o 100% da contía.

Para ser beneficiario do bono, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 31 de agosto ou ata o remate dos fondos, os traballadores poderán ter acceso gratuíto a servizos de apoio para saber onde necesitan mellorar, unha diagnose que realizarán os profesionais da Rede de Técnicos de Emprego ou do Igape.  

Co cheque, que se outorgará en concorrencia non competitiva, poderanse contratar servizos de mellora de xestión financeira, de optimización de procesos de produción e cadea loxística, relanzamento comercial, imaxe e comunicación e posicionamento na web. O bono tamén poderase empregar en plans de mellora empresarial, márketing, redefinición do modelo de negocio e identificación de socios e redes de cooperación ou no financiamento de servizos que lles permitan afrontar novos retos.

A Xunta xa conta con axudas para a promoción do emprego autónomo, pero esta nova medida busca que as empresas creadas conten cos mecanismos necesarios para crecer e ampliar a súa actividade cara a novos mercados para favorecer a creación de novos postos de traballo.

 

Comentarios
O 1 de agosto abre o prazo para solicitar o Bono Autónomo