Buscar
06:52h. Martes, 24 de Abril de 2018

Xa hai máis dun ano que finalizou unha etapa dentro do sector lácteo coa desaparición das cotas lácteas dentro da UE, pero o acontecemento, que no seu inicio aparecía como unha boa noticia para intensificar a produción, tivo unhas consecuencias, para moitos, inesperadas.

A produción láctea aumentou rapidamente porque moitos gandeiros xa estaban preparados para producir máis, coincidindo esta maior produción cunha baixa de prezos pola situación duns mercados cambiantes e menor consumo de produtos lácteos. As dúas situacións coincidiron no tempo, pero o aumento considerable da produción, que se viñera anunciando como a gran oportunidade para as explotacións lácteas, acentuou a crise.

Estabamos habituados a crises cíclicas, por unha parte as que se daban derivadas do comportamento dos prezos entre verán e inverno, condicionados polo aumento ou descenso estacional da produción láctea; por outra as que ocorrían cos picos de serra históricos en ciclos de varios anos.

Esta situación era asumida con resignación, pero tiña camiño de ida e volta. En contraste, esta última crise está sendo máis longa do normal e hai bastantes explotacións con problemas serios de viabilidade. Saltaron as alarmas e hai movementos, mesmo a nivel europeo, para tomar medidas que tratarían de regular e controlar a produción. Houbo quen reclamou a volta as cotas, nada sorprendente xa que antes de que acontecera a programada desaparición dentro da UE, xa houbera países que a consideraban inoportuna e de alto risco, entre outros España que se consideraba con certas debilidades estruturais. Por riba hai quen vaticina que esta crise veu para quedar e que vai esixir cambios moi importantes no sistema de produción e nos obrigará a tomar decisións que noutro tempo non quixemos tomar.

Que pasaba? Pois que en Europa o sector lácteo estaba moi organizado na contorna das grandes cooperativas fronte a unha España na que o sector estaba moi atomizado e dependía dun sistema de produción intensivo, moi condicionado polas materias primas importadas. Menos mal que o prezo dos elementos que se utilizan na elaboración de concentrados tiveron unha tendencia á baixa e axudou a minimizar provisionalmente o desequilibrio.

O que pasa agora é que os procesos necesarios para a modificación do sistema produtivo lácteo son lentos ou cando menos necesitan un período de adaptación porque se trata de animais que teñen procesos naturais complexos. Poñer una vaca en produción leva un tempo e conformar outro estilo de granxa tamén. Se a isto engadimos o que recomendan algúns técnicos ou o que están a facer outros países no ámbito xenético ou de raza bovina, a solución urxente que se suscita non é fácil.

É certo que os nosos gandeiros e técnicos están a nivel de calquera país produtor lácteo, pero estanos custando demasiado integrarnos para concentrar a produción e gañar mellor posición para actuar nos mercados, capacidad industrializadora non só para envasar leite líquido senón para produtos derivados lácteos que acheguen maior valor engadido.

O paquete lácteo, deseñado pola UE e desenvolvido polos países con máis baixo nivel de integración, como pode ser España, e, dentro dela especialmente Galicia, a pesar de ser unha rexión altamente produtora, a maior de España con diferencia, favorecería corrixir a situación a través dos contratos lácteos coa industria ou as organizacións de produtores entre os propios gandeiros. Tanto un elemento como o outro non progresaron adecuadamente por debilidade na propia regulamentación dos procesos e por falta de vontade decidida e unánime dentro do sector produtor. Cremos que é importante lexislar, pero tamén o é a reorganización e integración dentro do sector.

José Montes, presidente de Feiraco e de AGACA