É viable o actual sistema público de pensións? A resposta é non (... o pior é que xa o sabíamos hai 20 anos!)

O sistema público de pensións español non é viable na sua actual configuración. A xenerosidade no seu deseño é a causa da sua inviabilidade, e as circunstancias demográficas e produtivas aceleraron a sua crise. Hai 20 anos, cando empezaron as reformas que modificaron (lentamente) os dereitos á percepción, xa se sabia que era inviable. Propóñense reformas para facer sustentable o sistema de pensións. Canto antes se modifique o deseño do sistema público de pensións, mais tempo teremos os traballadores en activo para adaptarnos ao novo escenario con prestacións menores que as actuais, mais nun sistema sustentable mais acorde ca contribución individual.

O sistema público de pensións español é un compromiso interxeracional avalado polo Estado: os traballadores actuais “entregamos” ao Estado unha parte do noso salário para financiar os ingresos dos traballadores xa retirados (as pensións), ca promesa de que no futuro recibiremos uns ingresos procedentes das aportacións salariais dos traballadores do futuro, os da seguinte xerazón.

Obsérvese que o sistema de pensións é unha especie de activo financeiro ca sua rendibilidade: é como meter diñeiro nun banco hoxe e recibir uns rendementos dentro de 30 anos. En princípio, un sistema alternativo -substitutivo ao sistema público- sería entregar ese diñeiro que aportamos ao Estado a un fondo privado e recupera-lo en 30-35 anos. Este sistema de pensións privado alternativo ten algúns problemas importantes vencellados ás incertezas macroeconómicas -quebra dos fondos privados (e dos bancos)- ou idiosincráticas -a lonxevidade das persoas-, que ocasionaria eventualmente que o Estado tivese que aportar ingresos a estes cidadáns para non deixa-los desamparados… pero ista é outra cuestión.

O problema

A clave da sustentabilidade deste acordo interxeracional é o seu deseño. En concreto, dous elementos son clave: o uso do diñeiro que entregamos ao Estado durante 35 anos (periodo que dá, polo menos, para unhas 8 lexislaturas), e os dereitos que se establecen (polo poder político) para recibir uns ingresos ao finalizar a vida laboral. Ainda que existan voces críticas alcumándo-o de cicatero, o certo é que o sistema de pensións español ten un deseño moi xeneroso para os beneficiarios: os pensionistas están recibindo unhas pensións por riba do que realmente deberían recibir.

En concreto, duas características do sistema público de pensións téñeno eventualmente convertido en insustentável. En primeiro lugar, o Poder Lexislativo mesturou o sistema público de pensións cun sistema de axudas de subsisténcia/beneficéncia. En segundo lugar, o cálculo para determinar a pensión á que tén dereito un traballador estímase a partir do seu salário –e, polo tanto, das súas contribucións- nos últimos anos da súa vida laboral.

No primeiro caso, un elevado número de pensionistas (ao redor dun 50%) reciben unha pensión moi baixa, pero mais elevada do que lles corresponderia conforme a súa contribución ao longo de toda a sua vida laboral.Así, témo que son infundadas as queixas dalgúns pensionistas nas manifestacións das últimas semanas afirmando que están cobrando moi pouco…a pesar de, como algúns entrevistados recoñecen,“non ter cotizado suficientemente.” O feito de que un elevado número de traballadores se prexubile voluntariamente aos 60 anos, e que sexan precisamente os que teñen uns salários mais baixos, suxire tamén que os beneficios de xubilarse antes dos 65 anos son maiores que o salário que deixarán de recibir.

No segundo caso, o deseño do sistema público de pensións español esixe (a grandes rasgos) cotizar 35 anos. Mais deses 35 anos só se computa para calcular a pensión a cantidade aportada nos últimos anos da vida laboral do traballador (hai 20 anos eran os últimos 10 anos), período onde os traballadores reciben as maiores rendas salariais da sua traxectória laboral. Isto significa que as pensións recibidas son maiores do que lles corresponderia conforme a sua contribución ao longo de toda a sua vida laboral. Feita a lei, feita a trampa: é coñecido o caso de advogados, traballadores autónomos, que durante 25 anoscontribuían ao sistema (“cotizaban”) o mínimo esixido na lei, para logo pasar a cotizar o máximo durante os últimos 10 anos, e así recibir a pensión máxima (Conde-Ruiz 2014 expón mais “irregularidades” do actual sistema de pensións.) Dende hai 20 anos foronse correxindo algunhas destas irregularidades, incrementando pouco a pouco o período de cómputo da pensión até chegar aos actuais 15 últimos anos cotizados.

Sistema de pensións e poder político

Unha pequena acotazón. O deseño dun sistema de pensións non procede dunha férrea lei da natureza, senon da vontade política durante amplos períodos de tempo. Os cámbios demográficos fixeron que os votantes pensionistas incrementaran o seu peso no censo eleitoral, en detrimento das xerazóns mais novas. Iste feito non é alleo aos oportunismos partidistas. O Partido Popular, sendo a principal forza da oposizón, non aceptou pactar na etapa de Zapatero a reforma das pensións que recortaria o incremento das rendas dos pensionistas; e agora no governo, nos anos da crise, primou a subida das pensións (aos votantes pensionistas) en detrimento da educación e dos desempregados (os votantes das xerazóns novas).

Non nos tén que sorprender, pois, a aparición de novos partidos políticos centrados nos problemas dunha franxa de votantes con idade moi xoven aos que se lles recorta en educazón, non se lles dán oportunidades laborais (e por tanto para estabilizarse profesional e persoalmente –e ter fillos-), e aos que se lles enfrenta a un futuro con exiguas pensións ao xubilarse. As propostas de Podemos de pagar as pensións con impostos non son alleas a este oportunismo eleitoral. E porque en España existe unha certa “coesión familiar”, senon xa terian aparecido partidos populistas considerando aos pensionistas como uns “parásitos”, sambesugas que detraen recursos dos traballadores en activo que poderian terse adicado a educazón, axudas ao emprego ou a favorecer a creazón de empresas.

A miña sospeita é que ao partido do governo saiu-lle mal a aposta: confiaban en que a economia española se recuperara para meiados desta lexislatura, o que permitiria ter un colchón de cotizazóns novas para seguir subindo as pensións. Ao non ter sido así, pola precariedade do emprego e os baixos salários en España, obrigou-lle aplantexar unha exígua suba do mínimo legal esixido do 0,25%. Velaí as manifestazóns de pensionistas en toda España.

Como resolvemos esta desfeita? Algunhas propostas

Da nosa análise anterior podemos intuir algunhas propostas de reforma no diseño do sistema público de pensións:

1) Non mesturar axudas de subsisténcia co sistema de pensións. O sistema de pensións debe ser un dereito exclusivamente dos cidadáns que aportaron ao sistema. Se nunha sociedade acordamos subsidiar a capas desfavorecidas da populazón (non so aos xubilados), estas transferéncias deberian financiars econ impostos. Esta proposta está en liña ca ideia de proporcionar unha renda básica universala todos os cidadáns (ver esta e outras propostas no capítulo de Del Río e Giménez 2016).

2) O montante da pensión recibida por un traballador debe estar conforme ca sua aportazón ao sistema. Existen tres vias de aporte ao sistema público de pensións. En primeiro lugar, o montante monetário total aportado ao longo de toda a sua vida laboral para pagar as pensións da xeración anterior de xubilados. Porén, para ter un sistema de pensións sustentável, o que reciban de pensión os traballadores presentes despois de retirarse vai depender do volume total de aportacións que contribuaa seguinte xeración (i.e., os nosos fillos). E este montante total depende: i) do produtivos que sexan os traballadores futuros, o cal depende do nível educativo da seguinte xeración; e, ii) do número de contribuíntes da seguinte xeración. Isto significa que a miña pensión tamén debería depender do rendemento do investimento  nas outras duas vias–en calidade e en cantidade- de aporte ao sistema: do investimento da miña xerazón -a través de impostos- adicado a educar á seguinte xeración (ideia proposta por Becker e Murphy 1988 e Boldrin e Montes 2005), e tamén do investimento individual no número de fillos aportados ao sistema, que serán os que realicen as contribuizóns no futuro (Conde-Ruiz, Giménez e Pérez-Nievas, 2010).

Canto antes se modifique o deseño do sistema público de pensións, mais tempo teremos os traballadores en activo para adaptarnos ao novo escenário con prestacións menores que as actuais, mais nun sistema mais acorde ca contribuizón individual ao sistema. Alén disto, ser conscientes de que a nosa pensión vai depender do produtivo que cada un sexa no seu traballo, do número de fillos que teñamos, e do nível educativo que lle proporcionemos á seguinte xerazón, deberiatamén levar a plantexarnos en que sociedade queremos vivir.

Partidos políticos populistas, renda básica universal para todos os cidadáns, oportunidades laborais para a xente nova, decisións de ter fillos, calidade do sistema educativo, produtividade dos traballadores no futuro... Puff!! Parece que o problema da sustentabilidade do sistema de pensións é algo mais que unha cuestión de subir a pensión aos xubilados nun 0,25% ou nun 3%.