Incremento do Salario Mínimo Interprofesional. Obxectivo: aumentar a produtividade da economía española

Neste artigo arguméntase que o obxectivo último do incremento do SMI é aumentar a produtividade da economía española, un dos principais problemas nos últimos 20 anos. Esta medida expulsa a aqueles traballadores que aportan pouco á produzón de bens e servizos e obriga ás empresas a non contratar a traballadores baratos e substituí-los por maquinaria. Debido a que esta decisión é política, precisa-se dar oportunidades aos traballadores pouco produtivos e facilitar o acceso a financiamento ás empresas intensivas en man de obra pouco produtiva para que melloren ou modifiquen o seu plano de negocio.

O pasado 2 de decembro o Consello de Ministros aprobou un incremento do 8% do salario mínimo interprofesional (SMI en adiante) para 2017. Esta proposta ten suscitado certo debate referente ao xeito de decidir políticas que afectan á economía española sen realizar os oportunos estudos de impacto sobre a mesma. Como economistas existen varias cuestións clave a respostar.

1. A primeira cuestión é “a quen favorece e a quen perxudica o incremento do SMI?”

(Moi probabelmente) ao leitor deste artigo, ao autor do mesmo e a meirande parte dos traballadores da economía española nin nos favorece nin nos perxudica: seguramente recibimos un salario por riba do SMI. Florentino Felgueroso (2016), da Universidad de Oviedo, estima que so o 8% dos traballadores en activo se verán afectados por esta medida cando se implante.

E quen son ese 8% dos traballadores en activo que cobran salarios moi próximos ao SMI? Esta medida vai afectar a empregados con pouca cualificazón e que so poden acceder a traballos pouco remunerados. Estes son os perxudicados por esta medida porque son “tan pouco produtivos” que por lei estanlle impedindo acceder a un posto de traballo. Por suposto, as empresas que contrataban a estes traballadores tamén se ven perxudicadas: a partir de agora terán que contratar a traballadores máis caros (ou simplesmente despedir a estes traballadores). A súa rendibilidade cicais dependía destes traballadores baratos.

2. Que consecuencias ten o incremento do SMI sobre o nível emprego?

A medida de incrementar o SMI parece que foi tomada partindo da ideia de que se lle poida asegurar aos traballadores "un nivel de vida decente" (segundo recomendacións da Carta Social Europea). Alén disto, está a ideia keynesiana que o incremento do SMI vai incidir na demanda agregada: a maior capacidade de compra dos traballadores, maior consumo agregado da economía. Mais en concreto, ainda que os nosos representantes políticos non o expuseran claramente no debate, para defender un incremento no SMI partiron de dúas concepcións dalgún xeito complementarias:

(i) A primeira ideia é ceteris paribus: pensar que tras o incremento do SMI os traballadores contratados van seguir sendo os mesmos, polo que –obviamente- van gañar mais.

Porén, a teoría económica indica que un empresario vai contratar un traballador mentres o que éste produza –o que contribúa ao output- sexa maior que o que lle custe contrata-lo. Isto significa que ao incrementaren o SMI van existir traballadores moi pouco produtivos, traballadores que non van ser contratados por nengún empresario. Estes son os traballadores que serán despedidos: os traballadores da cola baixa da distribuzón de produtividades.

(ii) A segunda é a ideia (ricardiana) que existe un reparto da renda entre os empresarios e os traballadores: un incremento do SMI fará que os traballadores incrementen por lei a parte do pastel da renda que lles toca. Se empregamos a terminoloxía marxista ou dos socialistas ricardianos, estes traballadores están “explotados” e por lei recuperan poder de negociación. Para os propoñentes desta concepción non se vai despedir a nengún traballador: o que vai pasar é que os empresarios van gañar menos, e xa se buscarán a vida (substituíndo traballadores por máquinas) para incrementar a súas rendas. Implicitamente esta concepción considera que os empresarios teñen poder de monopsonio no mercado de traballo, polo menos para aqueles traballos que se pagan por debaixo do futuro SMI.

O problema deste argumento é por que estes traballadores se “deixan” explotar. Seguramente, e nestes momentos de crise faise mais patente, non existen moitos traballos para un número elevado de traballadores pouco cualificados, polo que estes traballadores teñen menos capacidade de negociación (cun custe de oportunidade moi baixo de traballar ao SMI). Porén, para gañar poder de negociación, non sería preferíbel mellorar a formación destes traballadores para mellorar as súas condicións á hora de obter un salario maior, que interferir nas decisións de contratación entre traballadores e empresarios?. Adicionalmente, é difícil crer que os empresarios formen unha fronte na negociación laboral para pagar pouco –cerca do SMI- a un traballador cualificado –por exemplo, un enxeñeiro- que aporta moito á empresa (enxeñeiro ao cal se lle incrementará o seu salario co SMI e seguirá contratado). Seguramente o enxeñeiro acabará abandonando a empresa ou marchando ao estranxeiro.

Por tanto, esta medida vai favorecer a unha porcentaxe pequena de traballadores e, moi probabelmente, o que vai a acontecer é que parte destes traballadores pouco cualificados afectados polo incremento do SMI sexan tan pouco produtivos que as empresas van prescindir dos seu servizos laborais, incrementando o desemprego e contraendo o consumo e a demanda agregada da economía española.

3. Se todo son desventaxas, por que e para que este incremento no SMI?

Na miña opinión é unha medida que beneficiará globalmente a toda á economía –e á sociedade en xeral- a longo prazo. Explícome.

O grande problema da economía española dende hai 20 anos é que o PIB crece en base a contratar a mais traballadores, e non en base a incrementos na produtividade. É dicer, o patrón de crecemento da economía española estivo baseado en empresas intensivas en man de obra pouco cualificada: con mais traballadores produce-se mais, ainda que non produtos de maior calidade. Isto ocasionaba, por exemplo, que o fracaso escolar non foxe un problema nas décadas de 1990 e de 2000, logo que moitos rapaces atopaban traballo na construcción, nas canteiras, de camareiros, etc. Esta diagnose coñece-se dende hai moito tempo (en particular, lembro a conferencia plenaria de Miguel Sebastián –que eventualmente sería Ministro de Enerxía e Meio-ambiente- nun congreso académico no ano 2003, onde apuntaba o excesivo peso do sector da construcción na economía española).

Ao chegar a recesión evidenciaron-se estas eivas da economía española: moitos traballadores (especialmente os non cualificados) foron despedidos; moitas empresas cuxos planos de negocio dependían da man de obra pouco cualificada pecharon; o PIB diminuíu (cos conseguintes problemas de recaudazón tributaria e sostenibilidade dos programas públicos de ben-estar); e aproximadamente 1/3 dos desempregados (1 millón de persoas) non teñen estudos: a sua produtividade é tan baixa que son irreciclabeis para o mercado laboral.

Na miña opinión, ao aumentar o salario mínimo estase atacando ao problema da produtividade da economía española pola base: expulsan-se a traballadores pouco produtivos, obríga-se ás empresas a ser mais produtivas e obríga-se aos potenciais traballadores a prepararse mais para o futuro (para o que se precisa mellorar dramaticamente a calidade do sistema educativo). Isto beneficiará á sociedade en xeral: haberá empresas mais preparadas para a competencia e de maior calidade, e existirán cidadáns mais formados.

4. Problemas da política de incrementar o SMI.

Agora ben, incrementar o SMI ocasiona un problema social e un problema económico. O problema social: algo hai que facer con estes traballadores aos que se obriga a abandonar o mercado laboral por ser pouco produtivos. E eiquí precisamos de cursos de formación, reciclaxe, etc. Este é un segundo problema: a baixa calidade do sistema educativo non axuda a reciclar a estes traballadores (e o drama agudízase polos cursos inservíbeis das CCAA -incluída a Xunta de Galicia-, algúns fraudes, etc.). Reciclar a estes traballadores cara outros empregos mais produtivos debería ser o obxectivo prioritario.

O problema económico: incrementar o SMI afecta negativamente a algunhas empresas pouco produtivas que dependían destes traballadores pouco cualificados. Eiquí o que se precisan son axudas de transición para estas empresas que permitan buscar financiamento para adquirir maquinaria que supla a estes traballadores pouco cualificados ou ben para que estas empresas redireccionen o seu plan de negocio cara outras atividades mais produtivas.

5. A modo de conclusión.

O incremento do SMI non vai a axudar a crear emprego a curto prazo. Na miña opinión é unha medida económica (e social) de medio/longo prazo: o obxectivo é incrementar a produtividade dos traballadores e das empresas –e, por tanto, da economía española- a medio/longo prazo. Porén, haberia que pensar que oportunidades lles da a sociedade aos perxudicados co incremento do SMI. Precisa-se de “axudar” aos traballadores pouco cualificados e ás empresas pouco produtivas a que realicen unha transición cara á mellora do seu capital humano e capital físico. Isto implica maior gasto público, mas tamén require unha mellora no sistema educativo para reciclar aos traballadores así como un maior acceso a financiamento para as empresas pouco produtivas (algunhas das cales, seguramente, terán que pechar). Pensar como compensar aos perxudicados tamén debe ser o labor dos políticos ao deseñar políticas.

Eduardo L.Giménez                                                                                                                                                                                                                       Departamento de Fundamentos da Análise Económica, e Historia e Institucións Económicas e ECOBAS. Universidade de Vigo