O acordo foi aprobado polo Consello da Xunta e asinarase en vindeiras datas

A Xunta pacta con UGT e CCOO un acordo para a mellora do emprego público

O Consello da Xunta vén de autorizar a sinatura do acordo global de mellora do emprego público de Galicia, pactado pola Administración autonómica cos sindicatos CCOO e UGT.

A Xunta pacta con UGT e CCOO un acordo para a mellora do emprego público
Da oferta de emprego público da Xunta, 1.448 son de acceso libre –polo tanto,
abertas a persoas que queiran traballar na Xunta–, mentres que as 777 restantes están
reservadas para a promoción interna
O Consello da Xunta vén de autorizar a sinatura do acordo global de mellora do emprego público de Galicia.

Desde a Xunta consideran este acordo como "o máis importante da historia da Autonomía", que permitirá desenvolver a carreira profesional no eido da Administración Xeral, os procesos voluntarios de funcionarización do persoal laboral fixo ou as subas salariais xerais ata o ano 2020, ao tempo que establece un mínimo de prazas de emprego público a ofertar nos vindeiros anos.

Este acordo de concertación social, acadado coas organizacións UGT e CCOO, será asinado nos próximos días.

Desde Comisións Obreiras, congratúlanse da aprobación por parte do Consello da Xunta do acordo, que dá cumprimento ao aprobado o pasado 27 de decembro na comisión de persoal, onde CCOO votou favorablemente. Para o sindicato, trátase dun pacto "histórico" que recolle importantes melloras e que non sería posible sen os consensos acadados no ámbito estatal grazas ao seu labor. 

Tamén desde a FeSP-UGT avanzaron que asinarán o acordo de mellora de emprego e condicións de traballo e retributivas do persoal
da Xunta de Galicia porque "supón avances importantes en recuperación de emprego, salarios e dereitos, restitúe a negociación colectiva e se configura como instrumento vivo para mellorar as relacións laborais da Xunta de Galicia".

Os detalles do acordo

O acordo establece en primeiro lugar unha serie de medidas para a mellora do emprego público e das condicións de traballo. Entre estas medidas figuran unha aposta pola estabilidade, co obxectivo de reducir a taxa de temporalidade á contorna do 7%, e os incrementos retributivos que vai afrontar a Administración galega nos vindeiros anos.

Así, neste 2019 a Xunta aplicará unha suba salarial xeral para todos os empregados públicos do 2,25% con efectos desde o 1 de xaneiro, o que suporá de media uns 810 euros anuais por empregado público. A Xunta xa aboará este incremento desde a nómina do mes de xaneiro, que se pagará este mes, grazas á que a Administración galega incluíu este aumento nos Orzamentos en vigor e unha vez que conta con habilitación legal do Estado.

Ademais, o acordo establece unha suba salarial adicional do 0,25% con efectos de 1 de xullo, que se poderá aplicar se o crecemento do PIB en España iguala ou supera o 2,5% no conxunto do ano 2018, e Galicia poderá destinar outro 0,25% da masa salarial para fondos adicionais. En canto a 2020, o acordo prevé un aumento fixo do 2% e un aumento variable do 1% adicional se o PIB medra un 2,5% ou máis, así como un 0,3% para fondos adicionais. E no caso de cumprirse o obxectivo de estabilidade orzamentaria no ano 2020 engadiríase unha suba adicional do 0,55%, polo que a suba nese exercicio sería do 3,85%.

Hai que ter en conta que esta suba salarial xeral unirase aos acordos acadados pola Xunta coas organizacións sindicais nos distintos ámbitos da Administración galega: a reanudación da carreira profesional no Sergas, o acordo salarial co persoal docente, o acordo co persoal da Xustiza e outros acordos máis específicos, como o dos axentes forestais e medioambientais ou o do Consorcio de Igualdade e Benestar.

Nova carreira profesional
O acordo autorizado polo Consello da Xunta tamén inclúe por primeira vez na historia da Autonomía a implantación da carreira profesional no ámbito da Administración Xeral, un sistema voluntario e consolidable que recoñecerá o desempeño do empregado público e a súa formación continua, e que xa está implantado no Servizo Galego de Saúde.

Os beneficiarios da carreira profesional recibirán, de maneira progresiva, unha contía anual que irá, por cada grao, desde os 761 euros na categoría de menor nivel ata os 2.460 euros da categoría A1. Ademais, o persoal laboral fixo poderá acceder ao sistema de carreira profesional previsto neste acordo se opta de maneira expresa e individualizada por acollerse ao proceso de funcionarización e supera o mesmo.

O sistema de carreira profesional contará con dous réximes de aplicación: un réxime ordinario cun grao inicial e catro graos, ao que se poderán acoller os novos funcionarios e os que teñan menos de cinco anos de antigüidade, e un réxime extraordinario, habilitado de xeito excepcional para os traballadores con máis de cinco anos de antigüidade. Este réxime extraordinario contará con catro graos e comporta o acceso ao grao 1, e ten como finalidade recoñecer o desempeño xa realizado polos funcionarios ao longo da súa traxectoria.

Para poder progresar na carreira terase en conta, entre outros criterios: a actividade profesional; a formación e innovación; a implicación e compromiso coa organización; e a participación en iniciativas e programas especiais, en liñas de traballo específicas ou transversais, en procesos de cambio e na implantación de novos sistemas.

Primeiro proceso global de funcionarización
No acordo acadado coas organizacións sindicais establécese igualmente o desenvolvemento do primeiro proceso global de funcionarización do persoal laboral fixo da Xunta. Este proceso será totalmente voluntario e realizarase a través da participación nunha promoción interna, conseguindo así eliminar a desigualdade entre traballadores da Administración galega.

Deste proceso de funcionarización do persoal laboral fixo poderá beneficiarse a práctica totalidade do mesmo, agás aqueles postos que non sexan funcionarizables polas súas características. As persoas que se acollan a este proceso terán máis oportunidades de mobilidade integral e promoción profesional, e manterán o seu destino actual e o recoñecemento de todos os servizos previos. Ademais, unificaranse as listas de contratación, polo que haberá menos listas e serán máis activas.

Logo da adaptación nos últimos anos das relacións de postos de traballo, en 2018 xa foron incluídas na oferta de emprego público 500 prazas para funcionarizar. En todo caso, a previsión da Xunta é que esta cifra aumente de xeito substancial este ano e tamén o seguinte.

Máis emprego público
Finalmente, o acordo inclúe o compromiso por parte da Xunta de Galicia de ofertar no eido da administración xeral –é dicir, sen contar sanidade nin educación– un mínimo de prazas de emprego público entre 2019 e 2020, que poderá ser ampliado nos correspondentes procesos de negociación sindical. A previsión do Goberno galego é aprobar a oferta de emprego público para 2019 no primeiro trimestre do ano.

Estas novas ofertas de emprego público permitirán seguir aumentando a estabilización do persoal, co obxectivo de acadar unha taxa de estabilización do 93%, e facilitando ao mesmo tempo o acceso á función pública galega, a través de a aquelas persoas que queren traballar na Xunta de Galicia e cumpren os requisitos para facelo.

A Xunta pacta con UGT e CCOO un acordo para a mellora do emprego público