Prevense crear 15 laboratorios cooperativos e 15 novas cooperativas

Abertas dúas liñas de axudas para a creación de cooperativas no rural

A Consellería de Economía, Emprego e Industria abre este venres o prazo de solicitude das dúas liñas novas de axudas para poñer en marcha o programa Laboratorios cooperativos no rural que busca impulsar a creación de novas cooperativas ou sociedades laborais.

Abertas dúas liñas de axudas para a creación de cooperativas no rural

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria desta iniciativa, que forma parte da Axenda 20, e na que o Goberno galego investirá 500.000 euros para o desenvolvemento de 15 laboratorios e a creación dunha quincena de novas empresas ou sociedades laborais.

As solicitudes deberán presentarse por separado para cada un dos programas desta orde.

Para poñer en marcha os laboratorios, a Administración autonómica convoca axudas dirixidas aos concellos, mancomunidades de municipios e consorcios locais, asociacións de economía social, colectivos e fundacións que teñan entre os seus fins a promoción do cooperativismo, o emprendemento ou o desenvolvemento económico e empresas privadas para que leven a cabo un programa formativo específico nun concello rural.

Previamente, terán que identificar novas oportunidades de negocio na zona e seleccionar a persoas desempregadas interesadas en emprender nesas actividades. Financiarase ás entidades promotoras con ata 15.000 euros por cada laboratorio cun máximo de 45.000 euros no caso de que promovan varios. Os apoios cubrirán ata o 80% dos gastos xerados da actividade formativa, de titorización e asesoramento e gastos de coordinación. Prevense anticipos de ata o 80% do total da axuda. Neste caso, o prazo de presentación de solicitudes finalizará o 9 de xullo.

Doutra banda, a Xunta financiará con ata 22.000 euros por solicitude ás cooperativas ou sociedades laborais de nova creación constituídas no laboratorio. Estas axudas cubrirán o 80% dos gastos de constitución da empresa e de funcionamento durante o primeiro ano. Tamén prevense anticipos de ata o 80%. O prazo de solicitude finalizará o 1 de outubro.

Os dous programas de axudas son compatibles e complementarias cos apoios do Aprol Economía Social, Aprol Rural e os de asesoramento da Rede Eusumo

Con estas liñas de axudas, a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende darlle un pulo á economía social, un sector que conta con máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas e que contribúe a fixar poboación e crear riqueza no rural.

Abertas dúas liñas de axudas para a creación de cooperativas no rural