1 de Maio, Día do Traballo

UGT e CCOO anuncian unha mobilización crecente, e a CIG, unha posible folga xeral

Milleiros de persoas saíron este martes ás rúas de Galicia convocadas polos sindicatos para conmemorar o Primeiro de Maio.

UGT e CCOO anuncian unha mobilización crecente, e a CIG, unha posible folga xeral
Manifestación convocada por CCOO e UGT en Vigo este 1 de maio.
Manifestación convocada por CCOO e UGT en Vigo este 1 de maio, na que participaron os seus secretarios xerais en Galicia, Ramón Sarmiento e José Antonio Gómez (centro)./UGT.

CCOO e UGT convocaron as súas manifestacións baixo o lema “Tempo de gañar” mentres que a CIG fíxoo co lema “'Pola recuperación dos dereitos, contra a pobreza e a precariedade e por empregos, salarios e pensións dignas”. Uns e outros reclamaron mellor emprego, maiores salarios, pensións dignas e máis igualdade. A maiores, a CIG apuntou a data do martes 19 de xuño para unha posible folga xeral, a expensas de que o resto de sindicatos decida sumarse a esta proposta.

Na manifestación de Vigo, os secretarios xerais de CCOO e UGT en Galicia, Ramón Sarmiento e José Antonio Gómez, respectivamente, lembraron que para a clase traballadora é «tempo de gañar» dereitos laborais e sociais recortados durante os anos da crise..

Para os dirixentes dos dous sindicatos, «é de xustiza» que, nesta etapa de recuperación económica, a negociación colectiva reflicta unha mellora substancial dos salarios en xeral e dos máis baixos en particular, con cláusula de garantía para protexer o poder adquisitivo fronte a un aumento excesivos dos prezos dos produtos de consumo. Tamén esixiron o aumento dos compromisos empresariais en relación coa estabilidade e calidade do emprego, a redución das desigualdades, a protección da saúde e o investimento produtivo.

Mobilización crecente

CCOO e UGT lanzarán unha crecente mobilización laboral e social que obrigue tanto as patronais como o Goberno —e os grupos parlamentarios que o apoian— a abordar as reformas necesarias en materia de negociación colectiva e de emprego de calidade. Os dous sindicatos xulgan «imprescindible» recuperar o papel central dos convenios sectoriais estatais, así como derrogar os aspectos regresivos das reformas laborais.

O 19 de xuño, posible folga xeral

Tamén en Vigo se manifestou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que anunciou que a central sindical baralla o martes 19 de xuño como data para convocar unha folga xeral, aínda que abriu a porta a consensuar outro día no caso de que o resto de sindicatos se sumen á iniciativa e opten por propoñer unha data alternativa. Así, adiantou que nos próximos días presentarase o preaviso de folga, “agardando que todos os sindicatos estean á altura das circunstancias nun momento no que temos que dar unha resposta conxunta e contundente na defensa dos nosos dereitos e dun futuro digno para a clase traballadora”.

Durante a súa intervención Carril incidiu nas principais problemáticas que padece a clase traballadora como consecuencia da "falsa recuperación económica e das políticas que aplican os Gobernos central e autonómico" e debullou os principais argumentos que a CIG manexa para xustificar a necesidade dunha convocatoria “que obrigue o PP a retroceder nas  súas posicións antisociais, antigalegas e antiobreiras”.

O máximo responsablel da CIG lembrou que a central fai este chamamento de folga xeral “porque estamos convencidos de que estas políticas podémolas cambiar, debémolas cambiar, e porque temos moi presente que os dereitos non se regalan, non se compran, nin veñen do pacto social: os dereitos conquístanse coa loita e a mobilización; e é a loita da clase traballadora e do pobo galego a vía fundamental para a defensa e conquista de dereitos, para alcanzar políticas alternativas coas que na Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas”.

UGT e CCOO anuncian unha mobilización crecente, e a CIG, unha posible folga xeral