Do 20 ao 22 de setembro en Pontevedra

Tecnoloxía e muller emprendedora centran a quinta edición do Pont-Up Store

Máis de 40 actividades integran o programa da quinta edición do Pont-Up Store, o encontro de emprendemento que se celebrará en Pontevedra do 20 ao 22 de setembro.

Tecnoloxía e muller emprendedora centran a quinta edición do Pont-Up Store
Foto de familia de organizadores e patrocinadores do Pont-Up Store./DUVI.
Foto de familia de organizadores e patrocinadores do Pont-Up Store./DUVI.

Un ano máis, o evento impulsado pola Universidade de Vigo co Concello de Pontevedra como patrocinador principal terá como punto central a carpa que se instalará na praza de España, onde 45 empresas darán a coñecer os seus produtos e servizos e onde terán lugar diferentes actividades. "A tecnoloxía e a visualización da muller como emprendedora” son neste 2018 os dous eixos do programa xurdido da colaboración de diferentes entidades e colectivos, como salientou o seu director, o profesor Pedro Figueroa, na presentación que este xoves tivo lugar no Concello de Pontevedra.

Xunto a estas temáticas, a economía social ou os videoxogos como “un dos nichos máis importantes de novos empregos e emprendementos”, así como a incorporación de Google como colaborador, constitúen outros dos aspectos salientados do programa que Figueroa presentou xunto ao vicerreitor do campus, Jorge Soto, a concelleira de Cultura, Carme Fouces, e o deputado provincial de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios. 

Un escaparate para as novas empresas 

Un total de 45 novas empresas novas presentarán nesta edición os seus produtos e servizos na carpa que permanecerá na praza de España o venres 21 e sábado 22. Entre elas hai proxectos dos eidos das novas tecnoloxías, a saúde e o benestar, o turismo, a gastronomía ou a xestión cultural. Destas 45 empresas, 37 disporán dun stand gratuíto na carpa e seis terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas do encontro.

A estas dúas modalidades de participación sumarase o venres 21 a terceira edición do Puntazo Exprés, aberta por primeira vez ao público. Neste encontro dez novas empresas terán a oportunidade de dar a coñecer a súa idea de negocio en cinco minutos a cinco executivas de empresas e entidades galegas; a catedrática da Universidade de Vigo, África González, directora do Cinbio e promotora da spin-off NanoInmunoTech; Piedad Varela-Portas, cofundadora da empresa Pazo de Vilane; María Caldeiro, xerente de Fundamar; Alba Baños, responsable da área analítica de Redegal; e Teresa Valdés, executiva de Bambú Producciones. 

Entre as novidades figuran dous seminarios sobre empoderamento da muller que Google impartirá en España por primeira vez, e que terán lugar na Casa das Campás os días 20 e 21. A multinacional tecnolóxica promove tamén un coloquio sobre “como construír a túa marca persoal”, neste caso, na Vicerreitoría do Campus o xoves 20.

Tamén na Casa das Campás darán comezo o xoves 20 as actividades centradas no eido da economía social, dentro do Espazo Ecobas, que toma o nome desta agrupación estratéxica da Universidade que ten na economía social un dos seus eixos de traballo. Así mesmo, o “desenvolvemento de competencias e do ecosistema emprendedor” centrará outro dos espazos nos que se articula o programa deste encontro, e nel inclúense as iniciativas promovidas por entidades e asociacións como AJE, a comunidade WordPress de Pontevedra, a Rede Galega de Coworking ou a Asociación Española de Mentoring e Emprendemento, que incidirá na necesidade de incrementar a presenza feminina como mentoras. 

Tecnoloxía e muller emprendedora centran a quinta edición do Pont-Up Store