Compromiso co galego no eido comercial

Illa Bufarda, Brazolinda e o Colexio de Avogados de Santiago, reciben o Premio Manuel Beiras

Illa Bufarda, Brazolinda e o Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela son as empresas e entidade galardoadas na XVIII edición do Premio Manuel Beiras, en recoñecemento ao seu compromiso co uso do galego.

Illa Bufarda, Brazolinda e o Colexio de Avogados de Santiago, reciben o Premio Manuel Beiras
Os galardoados cos Premios Manuel Beiras.
Os galardoados cos Premios Manuel Beiras.

O vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, Evaristo Rodríguez, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, deron a coñecer este martes en rolda de prensa o nome dos gañadores do Premio Manuel Beiras, que recolleron á tarde nun acto na entidade cameral.

Martiño Noriega destacou os dezaoito anos de convocatoria dun premio que positiviza o uso do galego no eido comercial, e demostra como a lingua é un valor engadido no tecido económico da cidade. “Santiago é unha cidade que fai uso da lingua e é un exemplo para o resto do país” –indicou–. Pola súa parte, Evaristo Rodríguez sinalou que se presentaron ao premio sobre unha trintena de empresas que demostraron o seu compromiso co uso e divulgación do galego a nivel comercial.

Galardoados

Na categoría de empresas cun uso continuado do galego obtivo o premio Illa Bufarda, produtora creativa que ofrece servizos de creación e formación en videocreación, fotografía, animación e deseño. O xurado outorgálle esta distinción polo feiro de que eles mesmos entenden que transversalmente a toda técnica audiovisual, o uso normalizado da lingua galega resulta en si unha acción promotora do galego: “O audiovisual visibiliza, difunde e normaliza”, destacou o xurado.

Na categoría de nova incorporación ao galego o recoñecemento recaeu na empresa Brazolinda, un proxecto de deseño, fabricación e venda de xogos de mesa e xoguetes feitos de maneira artesanal. Crea xogos pensados para xogar en grupo ou en familia, grandes e pequenos, dándolle forma a unha actividade enriquecedora tanto desde o punto de vista da aprendizaxe de actitudes, dinámicas, habilidades matrices e mentais. Pero o xurado apuntou que nos xogos de Brazolinda non só se mima a parte educativa de cada xogo en concreto ou a parte do divertimento e a estética, senón que o idioma ocupa tamén un lugar principal.

O xurado acordou tamén conceder a distinción especial do Premio Manuel Beiras ao Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, que desde o ano 2004 ten un servizo de asesoramento lingüístico como froito do compromiso coa defensa do idioma propio de Galicia por parte da súa xunta de goberno. Este servizo lingüístico traballa sobre tres eixes principais: o de asesoramento, formación e dinamizador, coa fin de facilitar o uso do galego no eido xurídico, unha labor que ten especial trascendencia pola súa visibilidade social e empresarial.

Os galardoados recibiron unha escultura creada polo artista Acisclo Manzano e poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste premio como unha garantía máis de que respectan o idioma galego.

No acto de entrega de premios, o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, explicou que, comprometidos activamente durante xa 18 anos coa promoción do uso do galego no ámbito empresarial, Cámara e Concello continúan estimulando a participación nas diversas categorías a comercios, emprendedores e firmas destacadas. “O Premio Manuel Beiras é unha historia de éxito fundamentada na colaboración, pero debemos seguir loitando por manter e mellorar esta iniciativa”, sinalou.

Ao acto asistiron tamén o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, así como representantes políticos e empresariais composteláns.

Illa Bufarda, Brazolinda e o Colexio de Avogados de Santiago, reciben o Premio Manuel Beiras