E 255.000 euros para programas integrados de emprego dirixidos a mulleres

A Deputación de Pontevedra destina máis de 1,2 millóns de euros para un servizo de formación para menores de 30 anos

Menores de 30 anos e mulleres en situación de desemprego son os dous colectivos aos que van destinados dous programas da Deputación de Pontevedra que foron abordados na Xunta de Goberno deste luns. 

A Deputación de Pontevedra destina máis de 1,2 millóns de euros para un servizo de formación para menores de 30 anos
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra.
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar un expediente de contratación para a adxudicación, mediante procedemento aberto e por valor de máis de 1,2 millóns de euros, do servizo de formación no marco do proxecto “Depointegra Xoven”, destinado á integración de mozos e mozas de entre os 16 e os 30 anos, no mercado de traballo no contexto do sistema nacional de garantía xuvenil.

O proxecto, que conta cun orzamento de máis de 2,5 millóns de euros, ten por obxectivo integrar de xeito sostible no mercado de traballo ás persoas novas desempregadas que non participan nos sistemas de educación nin de formación. Segundo explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, “pretendemos realizar actividades formativas constituíntes de itinerarios integrados que están dirixidos á obtención de certificados de profesionalidade para a mellora da formación e a empregabilidade das persoas novas” .  Amais, estas accións formativas complementaranse con accións transversais relacionadas cos idiomas, coa práctica profesional, as novas tecnoloxías e a igualdade de oportunidades.

En liñas xerais, as empresas que opten ao contrato para a prestación do servizo de formación de “Depointegra Xoven” deberán ofertar 27 accións formativas de 17 itinerarios diferentes dirixidos á certificación oficial da súa formación específica e práctica, é dicir, á obtención do certificado de profesionalidade íntegro.

Na mesma Xunta de Goberno aprobouse o proxecto “Depoemprega 2017” para a posta en marcha de programas integrados de emprego. Trátase dun programa dotado dun orzamento de 255.000 euros no que participarán 85 mulleres dos concellos de Pontevedra, Vigo, Cangas, Ponteareas, Poio, Tomiño e Tui”. Carmela Silva sinalou que a relación de concellos foi seleccionada por dous motivos: en primeiro lugar, “porque no ano 2016 contaron cunha media de paro superior ás 1.000-2.000 persoas” e, ademais, “por teren un índice elevado de desemprego feminino”.

As mulleres interesadas poden solicitar a súa participación neste proxecto ata o 29 de decembro. Logo serán seleccionadas polo Servizo Público de Emprego e participarán en diversas accións formativas ao longo dun ano, "co obxectivo de conseguir que o 35% desas mulleres participantes se inserte laboralmente”, remarcou a presidenta provincia. 

“Depoemprega 2017” contará con catro itinerarios: formación para o emprego, realización de prácticas profesionais non laborais, fomento da cultura emprendedora e empregabilidade.

Prácticas laborais

Na mesma sesión, o órgano de goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a adxudicación de 26 bolsas de mobilidade ao alumnado participante no proxecto “Erasmus + Prácticum Depo 2016”.  Esta é a sexta e última quenda do proxecto e nela participarán, entre xaneiro e maio, 26 alumnos e alumnas procedentes de centros educativos de Gondomar, Marín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Silleda, e Vigo.

Carmela Silva lembrou que “este ano a Dirección do Servizo Español para a Internacionalización da Educación, SEPIE, concedeunos novas achegas que nos permitiron poñer en marcha un novo “Prácticum Depo”, o terceiro, no que estamos a investir preto de 900.000 euros e a través do cal imos impulsar 93 novas mobilidades ata o 31 de maio de 2019 que permitirán que tanto alumnado como profesorado de 33 centros educativos de FP da provincia poidan coñecer as prácticas realizadas noutros países de Europa".

Asemade, aprobouse a prórroga das 165 bolsas de práctica laboral na Deputación de Pontevedra e nos concellos da provincia que rematan durante o mes de decembro de 2017. 

A Deputación de Pontevedra destina máis de 1,2 millóns de euros para un servizo de formación para menores de 30 anos