Reparte 2 millós de euros

A Consellería de Economía concede apoios a 79 asociacións de comerciantes para impulsar a competitividade do sector

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de conceder apoios por preto de dous millóns de euros ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos (CCAS) e prazas de abastos.

A Consellería de Economía concede apoios a 79 asociacións de comerciantes para impulsar a competitividade do sector

A través dos mesmos a Xunta colabora con 79 entidades, das cales 51 son CCAs e 28 asociacións de comerciantes dos mercados, no impulso á competitividade do sector, respaldando preto de 700 accións en toda Galicia co obxectivo de atraer clientela ao comercio de proximidade e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores.

Os apoios poden chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos en que están situados e do número de establecementos asociados. No que respecta ás asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros.

As axudas que veñen de concederse permitirán realizar diferentes campañas de dinamización, incoporar sistemas de fidelización ou realizar melloras na sinalización comercial externa, e, no caso das asociacións das prazas de abastos, melloras en instalacións e equipamentos.

O respaldo ao asociacionismo comercial é unha das prioridades do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

A Consellería de Economía concede apoios a 79 asociacións de comerciantes para impulsar a competitividade do sector