A Xunta prevé que se creen 15.000 novos empregos o vindeiro ano

O conselleiro de Facenda presenta as liñas básicas dos Orzamentos de 2019 a patronal e sindicatos

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, informou este xoves á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e ás principais organizacións sindicais das liñas principais dos futuros orzamentos da Xunta para 2019.

O conselleiro de Facenda presenta as liñas básicas dos Orzamentos de 2019 a patronal e sindicatos
O conselleiro de Facenda cos representantes de CCOO, CIG e UGT:
O conselleiro de Facenda cos representantes de CCOO, CIG e UGT:

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, explicou que obxectivo da Xunta para 2019 é acadar uns 15.000 novos empregos a tempo completo, unha previsión avalada esta semana pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIREF).

Valeriano Martínez reuniuse con representantes da patronal galega e cos responsables dos sindicatos UGT, CC.OO. e CIG para presentarlles as liñas básicas do proxecto de Orzamentos da Xunta para o ano 2019, que o Goberno galego prevé aprobar a vindeira semana unha vez que o Parlamento valide o límite de gasto non financeiro.

Durante as reunións, o conselleiro explicou que o Executivo galego vai elevar de xeito considerable os recursos destinados á formación e ao emprego e tamén ao capítulo de investimentos, para que “Galicia siga sendo en 2019 unha das comunidades que máis recursos dedica a investimentos”. De feito, no último ano Galicia foi a terceira comunidade autónoma que realizou maior esforzo investidor, cinco puntos máis que a media autonómica, segundo os datos oficiais do Ministerio de Hacienda.

Máis diálogo social e novos acordos

Ademais, o responsable de Facenda trasladoulle aos representante dos empresarios que no ano 2019 a Xunta de Galicia non só manterá as rebaixas de impostos aprobadas nos últimos anos, incluída a baixada fiscal do ano 2016 que supuxo a práctica supresión do imposto de sucesións para ás herdanzas por vía directa, senón que tamén se aprobarán novas rebaixas impositivas, especialmente para facilitar a adquisición de vivenda usada.

Ao mesmo tempo, avanzoulles a intención da Xunta de iniciar con empresarios e sindicatos unha nova etapa do diálogo social, para seguir mellorando a cantidade de emprego e tamén a calidade, coa inclusión por exemplo de cláusulas sociais nos contratos públicos, e para seguir apostando por medidas que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar.

Finalmente, Valeriano Martínez tamén lles explicou ás organizacións sindicais que o obxectivo da Xunta é chegar a novos acordos no eido do sector público, entre os que destacou o acordo cos axentes forestais e medioambientais que se asinará hoxe mesmo, ou a proposta de acordo xa presentada aos sindicatos para implantar a carreira profesional –un sistema xa aprobado no Sergas– ao funcionariado da Administración Xeral da Xunta.

O conselleiro de Facenda presenta as liñas básicas dos Orzamentos de 2019 a patronal e sindicatos