Manifestarase en Santiago o 6 de outubro

A CIG inicia mobilizacións contra a Lei de fomento empresarial

A CIG analizou este martes nunha asamblea de delegados en Vigo a Proposición de Lei de fomento da implantación de inciativas empresariais en Galicia presentada polo PP, asemblea que foi seguida de mobilizacións nas distintas comarcas galegas.

A CIG inicia mobilizacións contra a Lei de fomento empresarial
Mobilización da CIG en Vigo contra a Lei de fomento empresarial.
Mobilización da CIG en Vigo contra a Lei de fomento empresarial.

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, con esta lei "o Goberno de Feijóo deserta de servir aos intereses do pobo galego, renegando de tomar calquera iniciativa real a favor do desenvolvimento económico e social de Galiza. Abandona a defensa dos nosos sectores produtivos mentres favorece un modelo industrial colonial. Aposta pola ubicación sen trabas administrativas de iniciativas empresariais, a través, como din na lei, de simplificar, flexibilizar e liberalizar sectores da economía galega”. 

Segundo o sindicalista o máis grave desta nova norma é que non haxa “nin unha soa medida, nin principal, nin secundaria, que teña como obxetivo central o apoio para os proxectos e actividades que aposten porque o proceso produtivo e de transformación teña lugar en Galiza”, como tampouco contemple medida algunha “de apoio e impulso aos nosos sectores produtivos, para que permitan a recuperación e consolidación do tecido empresarial galego, favorecendo así o crecemento económico de Galiza e a creación de emprego en condicións dignas”.

Para a CIG estamos diante dunha lei que aposta “de forma descarada” por favorecer os intereses das grandes corporación económicas, promovendo a  instalación de calquera actividade económica e industrial por problemática que poida ser. Neste sentido, Carril denunciou que se lle outorgue “aos grandes grupos empresariais a capacidade de impor o seu criterio por riba de calquera outra consideración, con apoio público a través de subvencións e todo tipo de incentivos, eliminando calquera atranco para a súa instalación, simplificando e axilizando os trámites administrativos de industrias, minas, parques eólicos, empresa forestais, de resíduos, etc.”.

E que se faga todo isto “malia sufrirmos elevados custos ambientais e sociais, ao reducirse os controis medio ambientais, da participación cidadá e dos requisitos administrativos, protección do patrimonio natural e da saúde, tanto das persoas como do medio natural”.

Carril advertiu tamén do enorme poder que se lle outorga á Consellería de Industria, por medio da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, que o Goberno converte no segundo organismo con máis poder sobre o territorio despois do Consello da Xunta, “funcionando como un apéndice dos grandes grupos empresariais”. A este respecto denunciou que se lle permita decidir sobre outros temas, aínda non sendo da súa competencia, como medio ambiente, montes, patrimonio, residuos, xestión hidráulica.

Seguirán as protestas

Por iso concluíu que “desde a CIG temos claro o noso rexeitamento e a nosa oposición a esta Lei ante as graves consencuencias que terá a súa aprobación”. Xunto a isto avanzou que a central sindical volverá mobilizarse o vindeiro día 6 de outubro, cunha concentración diante do Parlamento de Galiza e outra, tamén en Compostela, o día 22. 

A CIG inicia mobilizacións contra a Lei de fomento empresarial