Vende xoiería e artesanía elaborada por traballadores con diversidade funcional

O centro especial de emprego I-Lab incorpórase a Cegasal

A empresa coruñesa I-Lab vén de incorporarse a Cegasal, a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego que suma xa 19 destes repartidos por toda a xeografía galega.

O centro especial de emprego I-Lab incorpórase a Cegasal
Un centro especial de empleo adherido a Cegasal.
Taller do centro especial de emprego coruñés I-Lab.

I-Lab é un taller e tenda situado na cidade da Coruña, creado pola asociación sen ánimo de lucro Grumico e cuxa actividade principal é a xoiería e artesanía galega elaborada por traballadores con diversidade funcional. 

I-Lab, que significa Inclusión Laboral, ten entre os seus principais obxectivos a inclusión social e laboral de persoas con diversidade funcional, e a posta en marcha de medidas destinadas a mellorar a súa calidade de vida. Trátase, segundo sinalan desde o propio centro, de reducir os desequilibrios sociais e deseñar instrumentos que faciliten o tránsito dos traballadores do centro especial de emprego ao mercado ordinario de traballo. Para iso baséanse na formación e cualificación, dúas ferramentas que permiten a inclusión laboral das persoas con diversidade funcional.

Con esta incorporación, Cegasal xa representa os intereses dun total de 19 centros especiais de emprego en toda a Comunidade galega, que abranguen máis de 14 sectores produtivos como artes gráficas, alimentación, recollida de residuos, xardinería ou atención sociosanitaria, entre outros. Estes centros especiais de emprego facturaron no seu conxunto o pasado 2015 un total de 25 millóns de euros e deron emprego a máis de 1.250 persoas.

O obxectivo do colectivo que preside José Antonio Vázquez é sumar á asociación outros dous centros nos próximos meses.

O centro especial de emprego I-Lab incorpórase a Cegasal