Punto de encontro da industria audiovisual

Catro produtoras galegas participan na feira IBC de Amsterdam da man do Clúster Audiovisual

Catro compañías conforman a delegación do Clúster Audiovisual Galego na feira IBC 2017, que se celebrará do 15 ao 19 de setembro en Ámsterdam.

Catro produtoras galegas participan na feira IBC de Amsterdam da man do Clúster Audiovisual

A IBC de Amsterdam é unha cita ineludible do sector da radiodifusión, a televisión e as tecnoloxías multimedia aplicadas á comunicación, onde se presentan as últimas novidades do mercado e sirve como punto de encontro para os principais actores da industria.

O Clúster Audiovisual Galego promove, dentro da súa liña de internacionalización, a participación das empresas CTV, S.A., Intereuropa TV, S.A., Producciones Audiovisuales Sete Media S.L. e TV Siete Productora de Vídeo, S.L. no IBC de Ámsterdam co obxectivo de propiciar oportunidades de negocio para o audiovisual galego.

No IBC as empresas galegas poderán coñecer a última tecnoloxía e oportunidades nas áreas de creación, xestión e provisión de contidos de entretemento. Durante os cinco días de duración deste encontro, Ámsterdam recibe ás empresas que lideran os segmentos de radiodifusión, audio, multimedia, comunicacións por satélite, servidores, Internet, webcasting, radio, televisión e vídeo.

Entre as novidades deste ano, a feira IBC de Ámsterdam inaugura a iniciativa Startup Forum. O programa de seminarios e mesas redondas da primeira edición deste foro chama á participación de startups de negocios innovadores audiovisuais e dixitais, relacionados coa realidade virtual e a realidade aumentada, as redes sociais, as tecnoloxías para anuncios, intelixencia artificial, aprendizaxe de máquinas, comercio electrónico, eSports, Apps, SEO e SEM, optimización de conversión ou seguridade.

Esta acción está enmarcada no Plan Estratéxico do Clúster Audiovisual Galego para o período 2014-2017 e realízase dentro do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, co apoio financeiro do Igape, a Xunta de Galicia e a Unión Europea.

Catro produtoras galegas participan na feira IBC de Amsterdam da man do Clúster Audiovisual