O martes 10 de outubro

A Asociación de Empresarios Ferrolterra organiza un obradoiro de Márketing Online para os sectores comercial e hostaleiro

A Asociación de Empresarios Ferrolterra (AEF) desenvolverá o martes 10 de outubro un obradoiro de Márketing Online dirixido aos sectores comercial e hostaleiro e aberto ao público en xeral.

A Asociación de Empresarios Ferrolterra organiza un obradoiro de Márketing Online para os sectores comercial e hostaleiro

O obxectivo desta acción de AEF, que conta coa colaboración do Concello de Ferrol, é dar unha visión global das estratexias dixitais, mellorando o funcionamento e a calidade dos servizos comerciais e da hostalería, especialmente no relacionado coas novas tecnoloxías.

O obradoiro dará comezo cun relatorio a cargo de Daniel Cerqueiro, quen dará as claves para que unha PEME desenvolva unha axeitada estratexia dixital. Cerqueiro é o fundador da empresa Galinus Taller de Novos medios e actualmente desenvolve moitas actividades relacionadas con Internet e as TICs. Ademais é un dos socios promotores de Phottic e realiza labores de CMO de Enxendra, participando ademais en accións formativas na Universidade de Santiago e asesorando a diversas organizacións como Startup.gal, Laconnetwork, Clúster TIC de Galicia, AGAL e Intermon Oxfam, entre outras entidades.

Caso de éxito

Rematada a charla inicial, Daniel Cerqueiro explicará o exitoso caso da Mercería Sarabia de Vigo, unha tenda de barrio que, a través da venda en Internet e o uso das redes sociais, converteuse no segundo vendedor de produtos de mercería online en España. Cerqueiro estará acompañado do propietario do negocio, que explicará como foi a experiencia e cales son os segredos para triunfar co uso das tecnoloxías dixitais.

A xornada pecharase cun coloquio entre os asistentes sobre a temática tratada. 

O obradoiro terá lugar no Antigo Hospicio de Ferrol, en horario de 16.30 a 18.30 horas. As persoas que desexen inscribirse, poden facelo no teléfono 981 333 305 ou enviando un email ao enderezo [email protected].

A Asociación de Empresarios Ferrolterra organiza un obradoiro de Márketing Online para os sectores comercial e hostaleiro