Froito do acordo para a mellora do emprego público

100.000 empregados públicos percibirán nas súas nóminas de setembro unha suba salarial adicional do 0,25%

A Xunta de Galicia aboará a partir da nómina de setembro unha suba salarial adicional do 0,25% a todos os seus empregados públicos.

100.000 empregados públicos percibirán nas súas nóminas de setembro unha suba salarial adicional do 0,25%
Da oferta de emprego público da Xunta, 1.448 son de acceso libre –polo tanto,
abertas a persoas que queiran traballar na Xunta–, mentres que as 777 restantes están
reservadas para a promoción interna
Edificio administrativo da Xunta de Galicia en Santiago.

O acordo para a mellora do emprego público asinado en marzo entre o Ministerio de Facenda e os sindicatos CCOO, UGT e CSIF estableceu unha suba salarial para o ano 2018 que é produto da suma dun 1,5% fixo e un 0,25% variable, este último con efectos de 1 de xullo. Esta última porcentaxe estaba condicionada ao cumprimento por parte de España do obxectivo de evolución do PIB correspondente ao exercicio anterior.

A Xunta está a aplicar desde o mes de xullo un incremento salarial do 1,5% nas nóminas dos seus empregados públicos, unha vez que os Orzamentos Xerais do Estado para 2018 entraron en vigor e permitiron ás administracións públicas aplicar este incremento. Este incremento salarial tivo efectos desde o 1 de xaneiro de 2018 e, por iso, a Xunta tamén incluíu na nómina de xullo un pago adicional duns 250 euros de media correspondente á aplicación desta suba salarial entre os meses de xaneiro e xullo.

En canto ao 0,25% variable, esta porcentaxe estaba condicionada ao cumprimento do obxectivo de evolución do PIB correspondente ao exercicio anterior, e polo tanto non se podía aplicar ata que o Goberno do Estado acordase e dese traslado ás Comunidades Autónomas dun acordo no que se determine o cumprimento do obxectivo antes mencionado. Unha vez que o Consello de Ministros aprobou a aplicación deste incremento adicional do 0,25%, a Consellería de Facenda procede a publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha orde pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2018, coa que se actualizan con efectos do 1 de xullo as contías das retribucións, que experimentan un incremento do 0,25%.

A mellora retributiva quedará consolidada nos salarios dos traballadores. En todo caso, o Goberno galego non tivo nin terá que impulsar ningún cambio lexislativo para aplicar esta suba salarial, dado que xa preveu este incremento no momento da elaboración dos Orzamentos da Comunidade Autónoma para o actual exercicio 2018.

A Xunta prevé que uns 100.000 traballadores galegos van percibir este mes a mellora nas súas retribucións. Nesta cifra están incluídos os máis de 87.000 empregados que traballan nos servizos públicos autonómicos: consellerías, hospitais, centros de saúde, centros de ensino ou centros de servizos sociais, entre outros. Tamén alcanzará ao persoal que traballan nas tres universidades públicas e nos centros de ensino concertado.

Incremento salarial do 8,8% ata 2020

Os incrementos salariais aos empregados públicos da Administración galega supoñerán unha media duns 2.800 euros máis por cada traballador ata o ano 2020, que se unen aos 660 euros de media de incrementos xa aplicados nas nóminas dos anos 2016 e 2017. 

100.000 empregados públicos percibirán nas súas nóminas de setembro unha suba salarial adicional do 0,25%