Entrevista á directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey

“Cando hai unha aposta por parte de empresas que queren desenvolver en Galicia o seu I+D+i, a Xunta ten necesariamente que acompañar”

Patricia Argerey Vilar (Lugo, 1977), asumiu en decembro pasado a dirección da Axencia Galega de Innovación (Gain), o organismo da Xunta que ten como finalidade vertebrar as políticas de innovación da administración galega e impulsar o crecemento e a competitividade das empresas galegas.

“Cando hai unha aposta por parte de empresas que queren desenvolver en Galicia o seu I+D+i, a Xunta ten necesariamente que acompañar”
Patricia Argerey Vilar, na sede da Axencia Galega de Innovación en Santiago./P.L.
Patricia Argerey Vilar, na sede da Axencia Galega de Innovación en Santiago./P.L.

Argerey Vilar é licenciada en Economía pola Universidad CEU San Pablo de Madrid, máster en Estudos Políticos Aplicados e doutora en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidad Complutense de Madrid. Foi asesora do presidente da Xunta desde 2009 a 2013, ano no que foi nomeada xefa de gabinete do conselleiro de Economía, Emprego e Industria. 

O seu departamento é un dos máis beneficiados no proxecto de orzamentos da Xunta para 2018, cun incremento do 26%, satisfeita con estas cifras?

Patricia Argerey: “Si, a verdade é que si. Este incremento do 26% está aliñado cos retos que ten o Goberno e en particular a Consellería de Economía, Emprego e Industria e únese a un incremento que se ten producido nos últimos cinco anos. A aposta do goberno pola innovación é clara”.

A Axencia Galega de Innovación conta un completo mapa de apoios á innovación, vai haber novidades de cara a 2018?

P.A.: “Dentro deste amplo abano de apoios e programas que temos catro bloques de prioridades: talento, fábrica intelixente, pemes e transferencia.

En canto ao talento imos manter os programas que desenvolvemos neste 2017 e anos anteriores. Destacaría fundamentalmente o Principia, que saiu en 2017 por segunda vez, e no ano próximo temos intención de sacar de novo. O Principia ten como obxectivo dar un apoio a menores de 35 anos que queren desenvolver a súa carreira profesional no ámbito da investigación e da innovación, tanto en empresas como en centros de coñecemento. Entre as dúas convocatorias levamos apoiado uns 300 contratos, e o 44% dos contratados nesta convocatoria de 2017 son rapaces e rapazas que non tiveron unha experiencia profesional previa. Estamos falando de emprego de calidade e dunha primeira oportunidade para tecnólogos, investigadores.

Temos tamén o programa Oportunius, un programa moi específico máis vinculado ao eido universitario e á obtención dunha bolsa por parte do ERC (o Consello Europeo de Investigación), ao que imos darlle continuidade, e o apoio a predoc e postdoutorados. 

Unha das novidades é unha convocatoria que chamamos Talento Senior que está pensado para investigadores cunha traxectoria consolidada e que teñan intención de desenvolver o seu proxecto en Galicia, tamén en empresas e centros de coñecemento. Esa convocatoria ímola sacar o ano próximo.

Quedaríame citar a Rede Galega de Aceleradoras, que está entre o talento e o emprendemento, que está moi focalizada nas startups e nos emprendedores que teñen un proxecto innovador e o queren desenvolver en Galicia. Temos xa 11 aceleradoras nesta rede, levamos apoiado máis de 500 proxectos nos últimos catro anos e con mois bos resultados. Pode parecer un número elevado ou non pero a realidade é que moitos destes proxectos hoxe son empresas que están facturando. Estou pensando no caso dunha emprendedora lucense, Alazia, que participou en VíaGalicia, e o outro día contábame que viña de Asia onde estivera vendo teas; están facturando, están vendendo, están indo a feiras internacionai;, os números son fríos pero as realidades son estas.

Nesta rede imos incorporar unha nova no sector aeronáutico, en liña co noso proxecto do polo tecnolóxico de Rozas, e esta aceleradora aínda que a imos botar andar o ano próximo, a súa vocación é que se poida desenvolver no Centro de emprendemento aeronáutico que imos ter en Lugo nas dependencias do antigo hospital".

A súa segunda prioridade é a fábrica intelixente.

P.A.: “Desde xa hai anos o Goberno vén traballando, fundamentalmente desde o Igape pero é un obxectivo de toda a Consellería, na industria 4.0 ou a fábrica intelixente. Ten que ver co que é unha fábrica conectada, dixitalizada, que incorpora todas as tecnoloxías, disruptivas ou non, pero que xa son unha realidade, que se están utilizando en moitos procesos industriais: a realidade virtual, o big data, a realidade aumentado, a fotónica...  A clave é que convivan e se incorporen no proceso produtivo e que sirvan para a adopción de decisións de forma intelixente. Porque utilizar o big data por utilizalo tampouco nos leva a ningún sitio.

Isto xa é unha realidade. En Galicia, polo noso tecido industrial temos que ir dando pasos ata chegar a esa fábrica perfectamente conectada... O que fixemos desde a Axencia Galega de Innovación foi lanzar unha convocatoria que se resolveu neste ano 17 para apoiar o I+D das grandes industrias que querían desenvolver un proxecto de fábrica intelixente. Tivemos catro empresas que se presentaron e foron dous os proxectos apoiados: un o de Citroen en colaboración co CTAG e outro o de Televés. En total é un apoio de 54 millóns de euros de fondos públicos para un investimento mobilizado en total de 184 millóns de euros, con creación de emprego asociado, etc.

Esta liña de apoio vai ter continuidade o ano próximo. E xa demos algún paso. O xoves 26 de outubro publicamos no DOG unha actualización do anuncio de consultas ao mercado onde solicitamos que as empresas galegas nos manifesten o interese que teñen en desenvolver proxectos de fábrica intelixente. Ese anuncio incorpora tres novidades: por un lado, pódense presentar pequenas e medianas empresas. En consecuencia o proxecto non só vai apoiar a I+D, senón a innovación, a  i-pequena, o que lle chamamos pequena innovación; e a dimensión, baixamos o mínimo dos proxectos de 20 millóns a catro millóns de euros.

Está publicado e esperamos recibir esas expresións de interese por parte da nosa industria e con todo iso lanzaremos unha nova convocatoria de fábrica intelixente dotada con 18 millóns de euros de fondos FEDER. Esperamos que nos primeiros días de xaneiro esa convocatoria estea publicada".

"Nos situamos como a segunda comunidade autónoma con máis crecemento no gasto público en I+D+i"

 

Revisando as estatísticas do INE sobre investimento en I+D por sectores de execución, as empresas galegas teñen un peso máis baixo que o conxunto de España ou a media europea (un 45% fronte ao 52,7% de media española e o 64,8% en Europa). Por que se dá esta situación?

P.A.: “A realidade que temos en Galicia é que o noso tecido industrial está conformado fundamentalmente por pequenas e medianas empresas, o 99% son pemes, por tanto é moito máis difícil que se asuma un proxecto tan ambicioso como estes que comentamos. Loxicamente para unha pequena empresa asumir o risco que supón a innovación ten un custo moi superior ao que supón para unha grande empresa. E por iso nós estamos intentando focalizarnos moito en ampliar esa base de empresas que xa teñen incorporado no seu ADN a innovación. Ese é a terceira das nosas prioridades.

Neste sentido temos feito este ano unha convocatoria que chamamos Innova Peme que o que busca é que as microempresas, as pequenas e as medianas empresas que aínda non teñen contemplado no seu plan de negocio, no seu desenvolvemento a medio prazo, a innovación que teñan esa oportunidade de facer un plan de I+D+i . Desde a Axencia Galega de Innovación apoiamos o desenvolvemento deses plans con todos os contidos, porque cada empresa fai o seu traxe a medida.

E ademais imos poñer en marcha dous novos programas. Un xa é un vello coñecido da Consellería pero o imos adaptar á innovación, o Reacciona. É un programa do Igape e neste caso imos prestar servizos específicos en materia de innovación para que as empresas que a queren incorporar ou aquelas que queren reorientar a súa compañía ou que queren desenvolver un novo proceso ou produto teñan o apoio do Reacciona Innovación.

E tamén queremos desenvolver algunha política específica de apoio ao deseño, entendido como facilitador da innovación, pensando sobre todo en innovación non tecnolóxica. Queremos definir ben que política pública en materia de deseño se pode poñer en marcha, probablemente no ano 19, pero no 18 queremos focalizarnos en identificar cales poden ser esas actuacións xunto co tecido industrial para ver que iniciativas concretas se poden adoptar.

En canto aos datos, os últimos dispoñibles son de 2015, se tomamos como fonte o INE. Collendo os anos 13 a 15, se desglosamos ese gasto de I+D sobre PIB na parte pública e na parte privada, o que si vemos é un incremento importante do investimento do sector privado, foi do arredor do 4% por riba das tres comunidades autónomas con maior esforzo en I+D+i. Polo tanto, aínda que efectivamente o sector privado non está avanzando ao ritmo que se fai ao nivel da UE si que é verdade que está demostrando unha vontade de incorporarse cada vez máis ás dinamicas da I+D. E na parte pública é unha aposta clara, o Goberno de Galicia desde logo o está facendo. Se collemos eses anos do 13 ao 15, o incremento do gasto público foi de preto dun 12%, polo tanto nos situamos como a segunda comunidade autónoma con máis crecemento no gasto público en I+D+i".

"Estamos intentando focalizarnos moito en ampliar esa base de empresas que xa teñen incorporado no seu ADN a innovación"

 

Con todo, aínda estamos por baixo da media, en Galicia investimos en I+D+i un 0,89% do noso PIB cando a media nacional é do 1,22%. Cal é o obxectivo da Xunta?

P.A.: “No Plan estratéxico de Galicia se recolle o obxectivo de duplicar o gasto en I+D+i. Creo que a mellor demostración da vontade de conseguir este obxectivo é o incremento do orzamento de Gain para o ano próximo en algo máis de 16 millóns de euros. Estas son as realidades que temos que poñer en riba da mesa”.

E hai algún sector empresarial específico que estea respondendo realmente ben e que sexa un exemplo en innvación para os demais?

P.A.: “Eu destacaría fundamentalmente tres: a automoción, claramente, en segundo lugar a biotecnoloxía e por último destacaría o aeronáutico.

Con respecto á automoción, é un sector que emprega o 12% do emprego industrial en Galicia, é un referente internacional no que se refire a innovación. O primeiro coche autónomo que percorreu as estradas españolas foi un coche desenvolvido en Galicia cun apoio inicial por parte da Xunta. Destacaría o papel de PSA onde a I+D que se fai para todo o Grupo boa parte dela se desenvolve en Galicia. Pero non son me quero centrar en Citroen porque a realidade é que a industria de compoñentes é tamén absolutamente vangardista. As pezas que se fan en Galicia non só se incorporan nos modelos de Citroen senón en practicamente en todas as marcas mundiais de construtores de vehículos. Podemos falar de Borgswanwer, de GKN, de MGI, de Copo... temos moitas empresas punteiras e que están desenvolvendo proxectos de fábrica intelixente.

Con respecto á biotecnoloxía, é un sector no que hai empresas que están tendo un crecemento importante, e como tecnoloxía facilitadora se está incorporando nos sectores tradicionais galegos: o lácteo, o agroalimentario, a cadea mar-industria, todo o que ten que ver con alimentación vinculada ao envellecemento activo, á vida saudable, etc. Teño que mencionar ao Clúster da biotecnoloxía, a Bioga, que está facendo un traballo excelente, conseguindo unha colaboración entre todas as empresas e creo que se están obtendo uns bos resultados e as empresas se están posicionando a nivel global dunha maneira moi exitosa. É un sector que estamos apoiando con moita intensidade e seguiremos apoiando.

E dentro da Rede Galega de Aceleradoras destaca no eido da biotecnoloxía a aceleradora de Janssen, a filial farmacéutica do grupo Johnson & Johnson, incubadora que estamos desenvolvendo xunto coa Fundación Kærtor e que ten como obxectivo o descubrimento temperá de fármacos. Lanzouse a convocatoria a finais de xullo e se van presentar proximamente os resultados desa primeira call,  e polo que me teñen trasladado, está habendo moita demanda".

É chamativo que empresas globais poñan o foco en Galicia para desenvolver proxectos?

P.A.: “Si, estamos moi convencidos do importante que é a colaboración público-privada. Entendemos que cando hai unha aposta desde o sector privado por parte de empresas que queren desenvolver en Galicia o seu I+D+i, a Xunta ten necesariamente que acompañar, ese é o labor que estamos facendo. Xa non é o modelo que tiñamos antigamente de subvención ao 100% e despois que pasa o que teña que pasar... A realidade é que cando tes unha aposta do sector privado que como mínimo é do 50% hai unha garantía clara de que vai haber transferencia, porque a empresa privada ten claro que o que saia do I+D+i hai que comercializalo e ten que ter éxito a nivel internacional.

Ese é o enfoque, e nós estamos absolutamente aliñados aí e de feito as unidades mixtas son un programa, que eu creo que foi pioneiro en España e está dando moi bos resultados. Levamos xa tres convocatorias, e estamos a punto de resolver a cuarta, e non hai mellor modelo que ese. A empresa privada pon, como mínimo, ao redor dun millón de euros, e o centro de coñecemento, co apoio de Gain, pon a outra metade, xeralizando. Levamos 24 unidades mixtas, que están mobilizando 84 millóns de euros, e imos chegar con esta resolución ás 30 unidades mixtas. E todas esas empresas teñen un compromiso a longo prazo por desenvolver en Galicia a súa I+D. Non estamos falando de proxectos menores que vaian desenvolver ou non aquí en función de que teñan unha subvención ou non. Para min é un modelo claro de apoio á transferencia e de colaboración público-privada e de atracción de investimento a Galicia".

E a cuarta prioridade que lle faltaba por detallar era a transferencia.

P.A.: “En Galicia facemos unha ciencia excelente, pero temos que focalizarnos máis na transferencia ao mercado. Se non se sigue todo ese camiño ata chegar á comercialización, desde o punto de vista da Axencia Galega de Innovación non estamos obtendo os resultados que debemos obter.

Temos dúas liñas xa abertas, que son os IFIs e o programa Ignicia de proba de concepto, incorporando a transferencia como elemento clave en todas as nosas axudas. O programa Ignicia basicamente ten este obxectivo, que é que unha vez que hai uns resultados da investigación hai que probar e validar en contornas reais que iso funciona, sirve e pode converterse nun produto ou nunha solución comercializable. Lanzouse uno ano 16, dotado con 7 millóns de euros, e xa se están apoiando sete proxectos.

A outra liña, un pouco diferente, son os instrumentos financeiros innovadores (IFIs). Están dentro do noso programa operativo. Desde a Unión Europea neste periodo orzamentario tratouse de impulsar, e se vai facer moito máis a futuro, que cada vez se utilicen menos o recurso á subvención e máis o recurso ao financiamento. Os instrumentos financieiros innovadores, que xa están publicados, concrétanse nun financiamento en condicións que non ofrece o mercado. Estamos falando de conseguir que esas startups, esas spin-offs que saen da universidade poidan ter un apoio en forma de financiamento. A idea é focalizarse naqueles proxectos que xa pasaron a fase de I+D, cando xa hai algo tanxible sobre o que poder traballar entra a posibilidade de poder recurrir a estes instrumentos financeiros innovadores para asumir esa fase final".

Porque o sector financeiro tradicional non responde?

P.A.: “O sector financeiro tradicional ten dificultades para entender algúns sectores. Por exemplo, no eido da biotecnoloxía ou farmacéutico, estamos falando de proxectos con moito risco e que non son facilmente entendibles. O que pretendemos nós é dar un apoio que non esixa garantías ata os 200.000 euros; estamos ofrecendo tamén catro anos de carencia, é moi importante porque a innovación é un proceso que require unha longa maduración. Eses catro anos para eses investigadores que puxeron en marcha unha spin-off son moi importantes para seguir avanzando na validación do produto que teñen”.

"Indra e Babcok fan unha aposta importante por Galicia e de compromiso a longo prazo. Ninguén pon 75 millóns de euros se non ten intención de desenvolver un proxecto claro nunha rexión"

 

O polo de Rozas é un dos proxectos estrela do Goberno da Xunta?

P.A.: “O polo tecnolóxico e industrial de Rozas é unha aposta de goberno clarísima que iniciamos no ano 2015 cun convenio entre o Ministerio de Economía e o INTA, que pertence ao Ministerio de Defensa, para adaptar as infraestruturas, xa temos un hangar e imos ter proximamente o equipamento da torre de control. A Xunta fixo unha aposta moi importante poñendo 40 millóns propios para, a través dunha compra pública innovadora, identificar dous socios tecnolóxicos industriais para desenvolver un proxecto de I+D nun horizonte de 5 anos, Indra e Babcock, que achegan adicionalmente 75 millóns de euros. De novo é bon facer fincapé nesa colaboración público-privada porque esas empresas fan unha aposta importante por Galicia e de compromiso a longo prazo. Ninguén pon 75 millóns de euros se non ten intención de desenvolver un proxecto claro nunha rexión.

E este programa se complementa cun programa de solucións que é o resultado dun convenio firmado co Ministerio de Economía para, a través de compra pública innovadora, poder desenvolver unha serie de licitacións para resolver retos que temos dende a administración e que se poden resolver co uso de avións non tripulados para uso civil, para resolver problemas no que ten que ver coa xestión do territorio, coa calidade das augas nas rías e nos ríos, co salvamento marítimo ou coa convivencia no espazo aéreo de avións tripulados e non tripulados que eso é o gran reto por resolver. Xa temos publicado oito licitacions, cinco por parte de Gain e tres por parte de Amtega, e temos previsto nas próximas semanas publicar dúas licitacións máis. Este último programa de solucións é máis de curto prazo, porque se vai facer fundamentalmente por pemes galegas e no prazo de dous anos”.

Citou por dúas veces a compra pública innovadora. Para que os lectores o entendan, en que consiste?

P.A.: “A clave é que dende a administración, cando temos un reto, cando temos unha necesidade, cando temos un problema, que cremos que se pode resolver a través da innovación, o que facemos é trasladarllo ás empresas e que elas sexan quen faga propostas para resolver ese problema. Pero ademais, coa contratación pública, o que facemos, a través desta compra pública de produtos, solucións, servizos, é axudar ás empresas a que asuman o risco dun novo proxecto innovador que ao mellor doutra maneira se non tiveran ese primeiro cliente non farían.

O que pasa é que para que se poida desenvolver hai que ter unha situación administrativa moi especial, porque como pouco teñen que estar aliñados a asesoría xurídica, que no caso da Xunta a colaboración non pode ser maior, a Intervención, os diferentes departamentos da administración..."

Estamos falando dunha nova forma de contratación no sector público?

P.A.: “Exacto. Hai non moitos anos, se ti como administración identificabas un problema, o que se faría sería ‘vou licitar esto para facelo desta maneira’ sen saber que a industria aí fóra xa ten solucións probablemente moito máis avanzadas que desde a administración nin sequera coñecemos. Por tanto esa é gran bondade ao meu entender da compra pública innovadora pero require de esforzos para comprendela, para levala a cabo, o proceso é máis longo, consultas ao mercado, identificar ben as necesidades, facer a licitación específica do que se quere, facer un proceso de selección a través dunha mesa de contratación etcétera ata chegar a esa solución e despois se ten que desenvolver esa solución innovadora. A compra pública é un reto para as administracións e non todas están sendo capaces de desenvolver este tipo de proxectos porque é unha especie de revolución, ten a súa complexidade.

A compra pública que se fai en Galicia está tendo eco e están servindo de referencia. Xa no periodo anterior 2007-2013, Galicia executou o 40% de toda a compra pública innovadora que se fixo en España, para unha rexión como Galicia é moito, e demostra que xa temos unha traxectoria, xa sabemos como se fai e o que temos que facer é seguir consolidando esa forma de contratación. Neste período estamos executando xa ao redor de 100 millóns de euros en compra pública e temos lanzado unha convocatoria para identificar proxectos novos por 31 millóns de euros”.

"En compra pública innovadora, Galicia é o espello no que se miran outras comunidades autónomas e incluso algunha rexión europea"

 

Vostede leva menos dun ano no cargo, de que aspectos do seu traballo se sinte máis orgullosa?

P.A.: “Pois a verdade do que máis orgullosa me sinto é da resposta de todo o equipo da Axencia Galega de Innovación, esa resposta tamén se daba antes, non teño dúbida, pero eu en primeira persoa non o percibía porque na miña ocupación anterior non estaba especificamente focalizada na Axencia senón tamén noutras áreas da Consellería. Vista a Axencia dende dentro teño que dicir que o equipo de traballo é extraordinario, creo que boa mostra é todo o traballo do que levamos falado nesta entrevista. No ano 17, que é o que levo na Axencia, se teñen feito moitísimas cousas, temos obtido resultados tanxibles con empresas que teñen nomes e apelidos e que están sentindo que a Axencia é útil.

E podo dicir case como segundo elemento do que máis orgullosa me sinto diría o impulso que estamos facendo en Galicia na compra pública innovadora. Entendimos que esta era unha aposta clara como goberno, practicamente todas as consellerías están implicadas. De feito eu diría que Galicia é o espello no que se miran algunhas outras comunidades autónomas e incluso algunha rexión europea”.

“Cando hai unha aposta por parte de empresas que queren desenvolver en Galicia o seu I+D+i, a Xunta ten necesariamente que acompañar”