Buscar
23:53h. Jueves, 19 de Octubre de 2017

ORGANIZADA POR ECOBAS

A Universidade de Vigo visibilizará a través dunha xornada o papel das cooperativas

A agrupación ECOBAS promove o vindeiro 31 de outubro un acto académico para dar visibilidade ao cooperativismo e ás cooperativas, así como resaltar o apoio que a Universidade de Vigo leva brindando dende fai case tres décadas neste ámbito.

Cartel da xornada.
Cartel da xornada.

A xornada “Universidade de Vigo e Cooperativismo: 28 anos medrando xuntos” conta coa colaboración das principais asociacións de cooperativas galegas, Espazocoop e Agaca, e está organizado ao amparo da Rede EUSUMO, promovida pola Xunta de Galicia.

Este evento dirixido a todas as persoas interesadas, tanto ás que están integradas no ámbito cooperativo e da economía social coma a aquelas que non o están, facendo especial fincapé entre o alumnado da universidade, coa intención de que coñezan as posibilidades que ofrece este sector e as teñan en conta á hora de iniciar a súa inmersión no mundo laboral.

A axenda inclúe charlas maxistrais, mesas redondas de debate, colocación de stands por parte de cooperativas e unha homenaxe á traxectoria de profesionais do ámbito do cooperativismo.

Programa

A xornada dará comezo coa benvida a cargo do decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Santiago Gómez Fraiz.

Logo seguirá unha mesa redonda sobre as posibilidades de colaboración entre a Universidade de Vigo e as cooperativas, na que intervirán representantes da institución universitaria, das cooperativas, da Rede Eusumo  e estudantes. A mesa será moderada por David Sánchez, xestor de ECOBAS.

Seguiralle outra mesa redonda, denominada “Aprende coas cooperativas”, na que intervirán Tino Gago, director-xerente de Espazocoop, Higinio Mougán, director-xerente de Agaca, Fina Casal, directora da Fundación Vigo, e Reyes Fernández, técnico superior da Área de Emprego da Universidade de Vigo, moderados por Araceli González, subdirectora da Escola Universitaria de Estudos Empresariais.

Clausurará a xornada un acto institucional de promoción do cooperativismo presidido polo reitor, Salustiano Mato, e no que participarán Carlos Hervés, coordinador de ECOBAS, Celso Gándara, presidente de Espazocoop, e José Severino Montes, presidente de Agaca.

Os interesados en asistir poden anotarse ata o 28 de outubro no seguinte enlace.

Sobre ECOBAS

ECOBAS (Economics and Business Administration for Society, Economía e Administración de Empresas para a Sociedade) é unha agrupación estratéxica creada no seo da Universidade de Vigo cuxo obxectivo é unificar e consolidar a colaboración entre os grupos de investigación de referencia no ámbito da economía e a empresa co fin de maximizar o impacto académico, económico e social das súas actividades de I+D+i a nivel rexional, nacional e internacional.