Buscar
03:16h. Lunes, 20 de Noviembre de 2017

A CARGO DA FORMADORA INMA RODRÍGUEZ

Técnicas de venda e experiencias de compra centran unha nova acción divulgativa da Cámara de Santiago

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela organizará o mércores 15 de novembro unha acción divulgativa sobre técnicas de venda e experiencias de compra titulada “A experiencia do cliente no comercio minorista”. 

Inmaculada Rodríguez.
Inmaculada Rodríguez.

A actividade, gratuíta con previa inscrición, celebrarase no salón de actos da sede cameral compostelá entre as 16:00 e as 20:00 horas.

A acción formativa, dirixida preferentemente a autónomos, microempresas, pemes, empregados e emprendedores do sector comercial minorista, ten por obxecto que os participantes comprendan as novas demandas do mercado, o que busca actualmente o cliente e os seus hábitos para así identificar como se pode ser máis atractivo e lograr unha melloría no resultado do negocio. A conferencia estará impartida pola comercial, empresaria e formadora Inma Rodríguez Cuervo, que dirixe desde 2015 Emociacción, empresa dedicada ao coaching comercial e a experiencia emocial da venda.

Inma Rodríguez explica que actualmente o mercado quere sentir confianza, seguridade na compra e a personalización dos produtos e servizos, “cada vez máis adaptados a súa necesidade e ao que quere sentir ao adquirir un produto”. En canto aos clientes, a experta sinala que hai diversos tipos, sempre enfocados en “satisfacer unha necesidade emocional na compra, e sentir esa emoción ou gustiño cando se atopa o que te fai sentir ben”. Ademais, a formadora apunta que o comercio minorista pode adaptarse infinitamente mellor ás necesidades reais, ben pola proximidade ao cliente ou porque pode ensaiar e implementar accións con tan só unha decisión de cinco minutos, sen ter que consultar á dirección xeral que está lonxe da empresa.

Para atraer a novos clientes, Inma Rodríguez considera que un comercio debe coñecer ben “o que o fai diferente” e porque un cliente debe ir comprar alí. Despois dun traballo de investigación sobre as necesidades e gustos dos clientes, o empresario deberá mimalo e facerlle sentir experiencias que cheguen polo cinco sentidos, así como facer o posible para que o cliente probe ou coñeza ben o produto ou servizo que poderá mercar.

Plan de Comercio Minorista

Esta actividade forma parte do Plan de Comercio Minorista, posto en marcha polas Cámaras de España e a Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Economía con cofinanciamento de fondos FEDER.