Buscar
03:58h. Viernes, 23 de Febrero de 2018

PREMIOS TIC GALICIA

O sector galego das novas tecnoloxías recoñece a nove empresas, entidades e profesionais

Boardfy Pricing, Xercode Media Software, Visual Publinet, Bahia Software, Netex Knowledge Factory, José Luis Gómez, Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), Supervisón y Control e Tino Fernández son os gañadores dos Premios TIC Galicia 2018. 

O premio á mellor startup foi para Boardfy Pricing,
O premio á mellor startup foi para Boardfy Pricing,

Os representantes das entidades recolleron os seus galardóns o venres 2 de febreiro nunha gala que se desenvolveu no marco da Lacon8th, na Coruña.

Con estes premios, o Clúster TIC e a Laconnetwork recoñecen o traballo de todos os axentes comprometidos co desenvolvemento do tecido produtivo baseado na Sociedade da Información, poñendo de relevo ante a opinión pública o labor das empresas, profesionais e entidades que deseñan, programan, desenvolven, implantan ou usan produtos ou servizos galegos que teñen na innovación e no uso das novas tecnoloxías a súa razón de ser.

Na categoría Startup a firma Boardfy Pricing, domiciliada en Vigo, resultou a gañadora. O xurado valorou un entidade que desenvolveu unha plataforma SaaS que permite por un lado aos ecommerce monitorizar os prezos dos seus competidores case en tempo real, facer pricing manual cun click desde unha única pantalla conectado a súa tenda ou marketplace, ou executar cambios de prezo automáticos a través da configuración de regras multivariable. Por outro lado ás marcas, lles permite detectar quen son as tendas ou plataformas que están vendendo por debaixo do prezo recomendado e lles alerta proactivamente. Os outros dous finalistas nesta categoría foron Situm Technologies e Citious Team (Converfit).

Na categoría Software Libre, a gañadora foi a firma con sede en Milladoiro (Ames) Xercode Media Software, polo seu proxecto Implantación de Koha ILS na Rede de Bibliotecas públicas de Galicia. Trátase dunha Implantación da solución Koha ILS e migración de diferentes ILS (Integrated Library System) comerciais (Millenium, Absys e Meiga) para a unificación da xestión da Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Os outros dous finalistas nesta categoría foron a viguesa Librebit, pola Migración a LibreOffice da Xunta de Galicia, e Escornabot, firma santiaguesa que presentou o proxecto Escornabot.

Na categoría de Marketing Dixital a empresa gañadora foi Visual Publinet, firma que ten a súa sede corporativa en Vigo. Neste caso, o xurado valorou unha Iniciativa colaborativa entre Visual Publinet e Wired&Linked para promocionar o lanzamento da rede social de viaxes Trazers, así como para lograr seguidores na súa páxina e aumentar o alcance. A acción consistiu nunha campaña a través de Twitter na que se utilizaron como gancho a 3 dos usuarios con máis repercusión nesta rede social (@norcoreano, @diostuitero e @gerardotc). O hashtag #QuéEsUnTrazer converteuse en trending topic tan só 2 horas despois de publicarse o primeiro tweet. Como consecuencia desta acción, o portal de Trazers rexistrou un total de 50.000 visitas só durante o primeiro día de lanzamento. Os outros dous finalistas nesta categoría foron Nasas. Axencia Creativa De Marketing Online (A Coruña) e Roi Scroll (Vigo). Innovación

Na categoría de Innovación a entidade gañadora foi Bahia Software, firma con sede en Santiago de Compostela, polo seu proxecto uFOREST. Proxecto liderado por Bahía que conta como socios a Adantia, Cartogalicia, Idom e Sixtema e a colaboración da Universidade da Coruña e do CiTIC. uFOREST pretende aplicar o concepto de SmartCity aos ámbitos forestal e medioambiental, incorporando a innovación na xestión dos recursos naturais para a mellora da súa conservación e a súa explotación eficiente e sostible. Os outros dous finalistas na categoría de Innovación foron Co2 Smart Tech (Oleiros), polo proxecto Cloud Computing aplicado a Xestión Enerxética Integral da Industria 4.0 e Cinfo (A Coruña), por Multicam.

Na categoría de Internacionalización a empresa gañadora foi Netex Knowledge Factory, firma que ten a súa sede corporativa en Oleiros (A Coruña). Neste caso, o xurado valorou unha estratexia de internacionalización dunha empresa de base tecnolóxica que ofrece solucións de aprendizaxe innovadoras tanto para o ámbito empresarial-profesional como para o editorialeducativo desde 1997. Ten oficinas comerciais e de proxectos en Madrid, Londres, México e India. Ademais, conta cunha extensa rede de partners en máis de 15 países. O seu plan estratéxico contempla a próxima apertura de oficinas en USA, alcanzando un dos principais obxectivos da compañía que é o poder competir coas súas solucións no mercado por excelencia do elearning. A empresa comezou a cotizar en outubro de 2017 no Mercado Alternativo Bursátil (MAB). Os outros dous finalistas nesta categoría foron Imatia Innovation (A Coruña) e Redegal (Vigo).

O premio evanxelizador recoñece ás persoas (físicas) que se implican, constantemente de maneira especial e con esforzo, axudando a tomar conciencia sobre que en Galicia existe un gran sector que xira entorno a moi boas ideas con a innovación como base; ademais de organizar con excelencia algún dos eventos mensuais (LaconNetwork) que se desenvolven ao longo de todo o ano en Galicia. A persoa gañadora foi José Luis Gómez, promotor do proxecto La casa de la Aldea e organizador da Laconnetwork na Rectoral de Cines. Nesta categoría os outros dous finalistas foron o Jacobo García Durán, organizador da Laconnetwork en San Vicente e André Castelo, organizador da Laconnetwork en Santiago.

Mencións Especiais

A maiores das seis categorías anteriores nas que houbo finalistas, concedéronse tres mencións especiais: Mención Especial - Iniciativa TIC, dedicada a organismos, organizacións, asociacións, fundacións (públicos ou privados) que axudan na creación, lanzamento e/ou asentamento de empresas e/ou ao propio emprendedor. O xurado desta edición dos premios concedeu esta mención especial ao Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG)

A Mención Especial - Empresa Tractora dedícase a aquelas empresas que apostan e confían nas startups galegas, contratando os seus servizos e/ou produtos e ofrecendo unha oportunidade firme de negocio. A empresa tractora escollida nesta edición foi Supervisón y Control, S.A.

E finalmente a Mención Especial - Traxectoria, que recoñece ás persoas físicas que se implican, constantemente de maneira especial e con esforzo nas TICs galegas. O persoeiro escollido polo xurado foi Tino Fernández, presidente de Altia.