A terceira edición, en IFEVI os días 23 e 24 de outubro

A Finde.U porá en contacto a máis de 2.000 universitarios con 70 empresas que buscan persoal cualificado

Máis de 2.000 participantes e unhas 70 empresas está previsto que participen na terceira edición da Feira Internacional do Emprego Universitario, Finde.U, que se celebra no IFEVI de Vigo os días 23 e 24 de outubro. 

A Finde.U porá en contacto a máis de 2.000 universitarios con 70 empresas que buscan persoal cualificado
Stands na anterior edición da Finde.U./DUVI.
Stands na anterior edición da Finde.U./DUVI.

Organizada polas universidades de Vigo, Porto, Tras-os- Montes e Alto Douro e Católica Portuguesa, a feira Finde.U arrancará en Porto unha semana antes, os días 16 e 17 de outubro, co obxectivo de “se consolidar como o maior referente en Galicia en canto a eventos de intermediación laboral universitaria”, explica o director da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, Alejandro Martínez.

Por terceiro ano consecutivo a Finde.U ofrecerá a estudantes e persoas tituladas a oportunidade contactar con responsables de recursos humanos de empresas de diferentes sectores e que se atopan na procura de persoal cualificado, ao tempo que as firmas comerciais da eurorrexión terán a oportunidade de coñecer de primeira man as capacidades do estudantado formado na institución académica viguesa. 

“O que estudantado se vai atopar é algo imposible fóra dun evento deste tipo: a oportunidade de contactar e conversar con responsables de recursos humanos de empresas de moitos sectores, que se atopan actualmente buscando persoal cualificado. Isto permitiralles non só facer chegar os seus currículos para acceder a ofertas de traballo e prácticas senón tamén ter unha visión clara de que competencias son as máis valoradas por estas entidades e que aspectos deberían reforzar para acadar os seus obxectivos profesionais”, detalla Alejandro Martínez.

Pescanova, Finsa, Abanca, Televés, Borgwarner, BBVA, Carrefour, Hewett Packard, Ence ou Garrigues, son algunhas das empresas que xa confirmaron a súa presenza na terceira edición da feira de emprego, que como todos os anos completará o seu programa con actividades paralelas de formación e información.

Novidades desta edición

Dúas son as novidades que este ano introduce a Finde.U. Dunha banda, o día 24 e como continuación da xornada que o 9 de outubro se celebrarán no campus de Vigo, o IFEVI acollerá a derradeira sesión do programa O talento feminino SUMA. “Nesta sesión as estudantes e tituladas que participaron na primeira sesión da xornada, presentarán  a través dun formato elevator pich, o seu talento os responsables de recursos humanos que participan na Finde.U”, explica o director da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo.

Así mesmo, nesta terceira edición a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal incorpora á feira o seu Job Day Tic, achegando a participación de 13 empresas do sector das tecnoloxías da información e da comunicación de Galicia e Portugal, así como os clústeres TIC de ambos lados da fronteira.

A Finde.U porá en contacto a máis de 2.000 universitarios con 70 empresas que buscan persoal cualificado