Este martes 3 de outubro, inauguración oficial do aniversario

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC celebra os 50 anos dos estudos de economía en Galicia

Neste ano académico 2017-18 conmemóranse os 50 anos dos estudos de economía en Galicia e da apertura da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago.

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC celebra os 50 anos dos estudos de economía en Galicia
Loreto Fernández, Rosa Crujeiras, Juan Viaño, Emilia Vázquez e Dolores Álvarez na presentación dos actos de celebración.
Loreto Fernández, Rosa Crujeiras, Juan Viaño, Emilia Vázquez e Dolores Álvarez na presentación dos actos de celebración.

A inauguración oficial deste 50º aniversario terá lugar este martes 3 nun acto solemne a celebrar no Salón Nobre do Pazo de Fonseca ás 12:00 horas. Nel intervirán o reitor da USC, Juan Viaño Rey; o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez García; os ex presidentes da Xunta de Galicia e ex alumnos da facultade, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño; e a decana de Ciencias Económicas e Empresariais, Emilia Vázquez Rozas.

Nese mesmo acto intervirán tamén o catedrático ad honorem da USC José Carlos de Miguel, o profesor máis antigo do centro na actualidade, e a profesora María Carmen Guisán, tamén catedrática ad honorem, que falará dos 50 anos de economía en Galicia.

Actividades

Con gallo dos 50 anos, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC preparou un extenso calendario de actividades que, nos próximos meses, servirán para reflexionar sobre a disciplina e para pór en valor a traxectoria e o presente do seu traballo.

Entre as accións a levar a cabo figuran o congreso ‘50 anos da Economía Galega’; o Encontro entre profesores de economía e empresa de ensino medio e superior; unha nova edición dos Premios Crearte na Universidade; a reunión da Confederación Española de Decanas e Decanos de Economía e Empresa; a fase final da X Olimpíada Española de Economía; o programa Emprega-T; a 12th Regional Innovation Policies Conference; o Foro de Emprego Compostalent – AIESEC; o Coloquio Ibérico de Economía Social, ou o V Encontro Internacional de Mozos Emprendedores.

 programa de actividades foi presentado este luns pola decana da Facultade e presidenta do comité organizador, Emilia Vázquez, nunha rolda de prensa na que tamén participou o reitor Juan Viaño. Acompañáronos na presentación as vicerreitoras de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social e de Comunicación e Coordinación, Dolores Álvarez e Rosa Crujeiras, respectivamente, e a vicedecana do centro, Loreto Farnández.

                                                                       

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC celebra os 50 anos dos estudos de economía en Galicia