Buscar
22:47h. Viernes, 17 de Agosto de 2018

DA MAN DO FORO POLA ECONOMÍA SOCIAL GALEGA

Estudantes da USC coñecen o modelo de empresa da economía social

Presentar os distintos modelos de empresa de economía social que existen e a filosofía que hai detrás foi o obxectivo da xornada organizada este mércores na Universidade de Santiago polo Foro pola Economía Social Galega. 

Maite Cancelo, Covadonga Toca, Juan Viaño, Emilia Vázquez e Celso Gándara, na xornada organizada polo Foro de Economía Social Galega na USC.
Maite Cancelo, Covadonga Toca, Juan Viaño, Emilia Vázquez e Celso Gándara, na xornada organizada polo Foro de Economía Social Galega na USC.

"A xornada de hoxe pódevos valer para ser emprendedores no futuro, porque as fórmulas de economía social aportarán un valor ao voso modelo de negocio, un modelo coherente coa vosa idea de entender o mundo". Deste xeito rematou a súa intervención na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago (USC) o voceiro do Foro pola Economía Social Galega, Celso Gándara. No acto de presentación da organización diante da comunidade universitaria interviron tamén o rector da USC, Juan Viaño Rey; a secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca; a decana da Facultade de CC Económicas e Empresariais, María Emilia Vázquez, e a directora do Centro de Estudios Cooperativos (Cecoop), Maite Cancelo.

Gándara explicou aos alumnos de Económicas as diferencias entre os distintos modelos que conforman a economía social (cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e centros de inserción laboral) e salientou, entre as súas cualidades, que se trata de empresas onde as persoas están por riba doutros conceptos, e que son  "máis sensibles ás cuestións de xénero, xa que presentan paridade entre o número de traballadores e traballadoras".

Nova proposta para o sector desde a Xunta

Pola súa banda, Covadonga Toca anunciou que a Xunta de Galicia presentará próximamente unha nova proposta para o desenvolvemento da economía social en Galicia, "que faremos chegar en breve ao Foro a ás organizacións que o conforman". A secretaria xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria manifestou o apoio do Executivo galego á economía social  e "a cada unha das organización que forman parte do Foro, porque apoiamos todo o que ten que ver  co emprendemento colectivo". En cifras, Toca apuntou que o Goberno galego destina este ano, a través da Axenda 20, un orzamento que supera os 22 millóns de euros a este sector: 17 millóns, un 3,4% máis que en 2017, destinados a fortalecelo e mellorar a súa competitividade e 5 millóns do fondo de XesGalicia para financiar novos proxectos neste ámbito.

O Foro en cifras

O Foro da Economía Social Galega, presentouse o pasado marzo en Santiago. Está constituído pola Unión de Cooperativas de Galicia (EspazoCoop), a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), a Agrupación de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga). Estas entidades representan a 371 empresas, cun volume de ingresos de 1.916 millóns de euros anuais e 9.300 empregos directos.

Dar visibilidade á economía social ante a sociedade e os principais axentes económicos, representando os seus intereses ante as diferentes institucións políticas, económicas e sociais, e xerando as condicións adecuadas para o desenvolvemento das súas entidades a través da intercooperación e o acceso aos procesos de contratación públicos, son os principais obxectivos do Foro pola Economía Social Galega.