A 42º edición celebrarase do 6 ao 9 de xuño

A edición 2019 da Feira Abanca Semana Verde de Galicia xa ten datas

A Feira Abanca Semana Verde de Galicia celebrará a súa 42ª edición do 6 ao 9 de xuño de 2019 no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda.

A edición 2019 da Feira Abanca Semana Verde de Galicia xa ten datas
Vista do Pavillón 2 do recinto feiral de Silleda durante a celebración da pasada edición da Semana Verde.
Vista do Pavillón 2 do recinto feiral de Silleda durante a celebración da pasada edición da Semana Verde.

A organización comezará a traballar xa nos vindeiros días na nova edición da Semana Verde e dos seus catro certames paralelos. A intención é seguir incrementando a participación  tanto de entidades galegas e doutras comunidades autónomas como de expositores estranxeiros, ademais da importante implicación de grandes empresas.

A feira volverase a deseñar como un gran certame de mostras e ocio no que a diversidade e as novidades serán a clave tanto da súa exposición como das súas actividades. Así, ofrecerá unha proposta con gran atractivo que permitirá ao público percorrer unha enorme área expositiva con presenza dos máis variados sectores e desfrutar dun amplísimo programa lúdico con propostas para todos os públicos. Unha formulación coa que manterá a súa condición de cita multisectorial de referencia no noroeste peninsular.

De forma paralela á 42ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia celebrarase o 23º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, que segue a medrar como punto de encontro do sector alimentario e gastronómico. Nas mesmas datas levarase a cabo a sexta edición da Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca, a cal continúa a ser o único espazo de converxencia con esta temática da comunidade galega. Ademais, celebraranse simultaneamente o IX Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, e a VI Feira de Festas de Interese Turístico, Festur. Dúas citas complementarias que cada vez máis conforman un efectivo escaparate do sector.

A última edición de Abanca Semana Verde de Galicia, que tivo lugar xunto aos seus certames paralelos entre os días 7 e 10 do pasado mes de xuño, converteuse na mellor edición dos últimos tempos. Con 710 expositores directos, un 11,4% máis que en 2017, os cinco certames sumaron máis de 100.000 visitantes. 

A edición 2019 da Feira Abanca Semana Verde de Galicia xa ten datas