Buscar
00:41h. Lunes, 23 de Octubre de 2017

ENCONTRO SOBRE COMERCIALIZACIÓN DE ALIMENTOS E BEBIDAS

O director do Igape salienta a apertura do sector agroalimentario galego cara a novos mercados

O director do Igape, Juan Cividanes, destacou o labor do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) como dinamizador das exportacións nas empresas deste sector, que medraron case nun 15% durante o primeiro semestre deste ano, case o dobre que o pasado ano.

Cividanes na inauguración do workshop Food & Beverage Marketing.
Cividanes na inauguración do workshop Food & Beverage Marketing.

Cividanes salientou, na súa intervención na inauguración dunha xornada centrada na comercialización e internacionalización de alimentos e bebidas que se desenvolveu na Cidade da Cultura, a ambición e o compromiso das empresas alimentarias por mellorar a calidade dos seus produtos. Neste sentido, salientou que máis da metade das empresas certificadas por Galicia Calidade corresponden a este sector.

O director do Igape destacou igualmente a ambición por conquistar novos mercados internacionais, de forma individual ou baixo a coordinación de Clusaga, que vén de obter apoio do Igape para coordinar misión colectivas ao abeiro do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios.

Cividanes subliñou tamén o labor do Clúster Alimentario de Galicia na promoción e coordinación de proxectos colectivos, tamén apoiados polo Igape, para avanzar na mellora da competitividade sectorial mediante investimentos no ámbito da Industria 4.0. Tres empresas do sector de alimentación, contando coa colaboración e o impulso de Clusaga, desenvolveron investimentos 4.0 ao abeiro da anterior convocatoria: Innolact, Kiwi Atlántico e Bodegas Martín Códax. Outras cinco empresas do sector contarán este ano  con axudas do Igape para incorporar solucións intelixentes na cadea de valor de alimentos e bebidas, mellorando procesos de produción, o envasado ou a trazabilidade.

Cividanes salientou tamén a importancia do coñecemento das habilidades e tendencias das vendas, xunto coa consolidación de calidade dos productos e o recoñecemento das marcas como factores relevantes para vender máis e exportar mellor. Eses son os obxectivos do workshop Food & Beverage marketing, organizado por Clusaga en colaboración coa Cátedra Jean Monet da Universidade da Coruña, e contando co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Igape. O encontro, centrado na comercialización de alimentos e bebidas, contou cun relatorio de John Stanton, profesor de marketing alimentario na Universidade de Saint Joseph de Philadelphia, USA.