Gabou á súa contribución ao desenvolvemento de Galicia

O conselleiro de Economía recibe aos premiados do Día do Cooperativismo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo en Santiago un encontro cos premiados no Día do Cooperativismo, no que agradeceu a cada un dos galardoados, cooperativas e alumnado de FP, o  labor por contribuír cos seus proxectos ao desenvolvemento económico de Galicia.

O conselleiro de Economía recibe aos premiados do Día do Cooperativismo
O conselleiro de Economía cos gañadores dos premios ás cooperativas./L.POLO.
O conselleiro de Economía con membros das cooperativas premiadas./L.POLO.

Con motivo do Día do Cooperativismo, a Xunta, en colaboración co Consello Galego de Cooperativismo, entregou o pasado sábado os Premios á Cooperación 2017 e aos mellores Proxectos Empresariais Cooperativos dos centros de FP. As tres cooperativas premiadas nesta edición foron Dalle que Dalle, de Vilagarcía de Arousa, que recibiu o galardón aos valores cooperativos; a Cooperativa Galega de Educación Medioambiental (CEM), de Culleredo, foi premiada á mellor traxectoria; e Terras da Mariña, de Lourenzá, á mellor cooperativa nova. 

Con respecto aos premios aos proxectos empresariais cooperativos dos centros de FP, galardóns que forman parte do certame "Cooperativismo no ensino", a Xunta concedeu un accésit compartido á iniciativa Identik3D, do EIS Imaxe e Son, da Coruña e a Piscinatura, do CIFP Someso, da Coruña. O premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo foi para Eficonter, do CIFP Someso da Coruña.

O titular de Economía recoñeceu o esforzo que está a realizar o movemento cooperativista en Galicia para seguir medrando mellorando a súa competitividade e innovando. De feito, no primeiro semestre deste ano as cooperativas creceron un 3,2% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Conde puxo tamén en valor a importancia do cooperativismo para dinamizar e modernizar o rural incrementando, polo tanto, as posibilidades de emprego nas zonas menos poboadas de Galicia e fixando poboación.

Os premiados

Cada cooperativa galardoada nos Premios á Cooperación 2017 recibiu 5.000 euros. Dalle que Dalle, galardoada polos valores cooperativos, está dedicada a xestionar un espazo coworking e a asesorar a emprendedores. É unha cooperativa de traballo asociado que destaca polo papel que xoga na difusión dos principios cooperativos e polo seu papel impulsor da economía e consolidación do tecido social a través de redes de cooperación entre emprendedores, empresas e entidades. 

A Cooperativa Galega de Educación Medioambiental (CEM), de Culleredo, que recibiu o premio pola súa traxectoria, está centrada na protección da contorna e do medio ambiente. Por último, a mellor cooperativa nova, a Terras da Mariña, está adicada ao cultivo da faba de Lourenzá. Resalta pola súa relevancia na contorna na que desenvolve a súa actividade e a súa repercusión positiva no eido económico, social e cultural ao recuperar e potenciar unha actividade tradicional mellorando as condicións de produción e comercialización.

En canto aos mellores proxectos empresariais cooperativos dos centros de FP, a iniciativa Identik3D, do EIS Imaxe e Son, da Coruña, está centrada no modelado de 3D e o plan Piscinatura, do CIFP Someso, da Coruña, está baseado no deseño e construción sostibles. O premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo foi para Eficonter, do CIFP Someso da Coruña, dirixido ao eido da reciclaxe para mellorar, axilizar e transformar a construción convencional en algo máis eficiente.

O conselleiro de Economía recibe aos premiados do Día do Cooperativismo