Buscar
00:32h. Lunes, 10 de Diciembre de 2018

XIX edición dos Premios Manuel Beiras

Concello e Cámara de Santiago voltarán recoñecer o uso do galego en empresas e comercios

O Concello e a Cámara de Comercio de Santiago convocan a XIX edición dos Premios Manuel Beiras para recoñecer e poñer en valor as empresas que usan o galego na súa comunicación.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o vogal da Cámara de Comercio Xavier Freire presentaron o premio.
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o vogal da Cámara de Comercio Xavier Freire presentaron o premio.

O alcalde, Martiño Noriega, e o vogal da Cámara de Comercio Xavier Freire presentaron a convocatoria, que o Concello e a entidade veñen realizando conxuntamente dende o ano 2000. O rexedor lembrou que "o obxectivo destes galardóns é mostrar os aspectos positivos da comunicación comercial en galego, que se asocia a valores como a proximidade e a confianza". Ademais, mostrouse convencido de que "moitos clientes e clientas poden recompensar coas súas decisións de compra aos negocios que se mostran comprometidos co uso da nosa lingua". Martiño Noriega tamén quixo lembrar a Manuel Beiras, "o histórico comerciante compostelán e destacado loitador da nosa cultura e da nosa lingua, que lle dá nome a estes premios que deste xeito son, ao mesmo tempo, un homenaxe a súa figura".

Pola súa parte, Xavier Freire salientou que a nova directiva da Cámara de Comercio de Santiago non vacilou e tivo claro desde o primeiro momento o valor desta iniciativa posta en marcha fai 19 anos co Concello de Santiago, “un premio que distingue a vontade e compromiso do empresariado e o pequeno comercio co idioma, un patrimonio fundamental para a actividade comercial”.

Bases da convocatoria

Os Premios Manuel Beiras convócanse en dúas categorías: empresas que veñan realizando un uso continuado da lingua galega e empresas que se incorporaran recentemente ao uso do galego. Ademais, pode outorgarse unha distinción especial a unha persoa ou entidade que se destacara pola súa contribución á normalización da lingua no mundo empresarial.

Aos galardóns poden optar empresas radicadas no Concello de Santiago, que poderán presentar directamente as súas candidaturas ou seren propostas por calquera persoa ou entidade.

En 2017, o premio para a empresa cun uso continuado do galego foi para a produtora Illa Bufarda; o premio para a empresa que se incorporara recentemente ao uso do galego recaeu na empresa de fabricación de xogos e xoguetes Brazolinda; e a distinción especial do xurado fora para o Colexio de Avogados de Santiago.

A entrega do premio, unha escultura de Acisclo Manzano, terá lugar este ano no Pazo de Raxoi, posto que o Concello e a Cámara de Comercio alternan anualmente tanto a presidencia do xurado como a organización da cerimonia de entrega dos galardóns.

Os galardóns veñen acompañados dunha campaña de promoción que xa se empezou a ver polas rúas e establecementos de Compostela, e que pretende chamar a atención sobre a importancia de que "a nosa lingua sexa tamén empregada como lingua de negocios".