Buscar
06:05h. Domingo, 19 de Noviembre de 2017

O PRAZO PARA PRESENTAR CANDIDATURAS ESTARÁ ABERTO ATA O 11 DE DECEMBRO

Cámara e Concello de Santiago presentan o Premio Manuel Beiras 2017

O vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, Evaristo Rodríguez, e o alcalde da cidade, Martiño Noriega, presentaron a 18ª edición do Premio Manuel Beiras de recoñecemento ao uso do galego no sector empresarial. 

Evaristo Rodríguez e Martiño Noriega presentaron o Premio Manuel Beiras.
Evaristo Rodríguez e Martiño Noriega presentaron o Premio Manuel Beiras.

O certame, convocado pola Cámara de Comercio e o Concello de Santiago, cumpre un dobre papel: salientar o esforzo das empresas na normalización lingüística, e lembrar a figura de Manuel Beiras, un histórico comerciante compostelán e destacado loitador en prol da lingua e a cultura galegas.

O obxectivo do Premio Manuel Beiras é distinguir aquelas empresas que fagan un uso normalizado da lingua galega nas súas actividades comerciais e de comunicación. Posto que ten carácter de distinción pública, o galardón materialízase nun elemento simbólico de carácter artístico que lle será entregado ás persoas ou entidades premiadas, sen que leve engadida ningunha contía económica.

Evaristo Noriega salientou a maioría de idade e a boa saúde do recoñecemento que pretende potenciar o uso do galego no sector empresarial. O alcalde sinalou que o premio ten cada ano máis empresas interesadas en candidatarse, pero a mala noticia é que “aínda son necesarias iniciativas como esta, o que demostra que queda moito que facer para normalizar e sensibilizar no uso do galego no ámbito empresarial da cidade”.

O Premio convócase en dúas categorías: "Empresas que veñan realizando un uso continuado da lingua galega" e "Empresas que se incorporaran recentemente ao uso do galego". Tamén se poderá outorgar unha distinción especial ás persoas ou entidades que se destacaran pola súa contribución á normalización da lingua no mundo empresarial.

Ao galardón poden optar as empresas radicadas no Concello de Santiago, porque teñan a súa sede social no municipio ou porque realicen unha importante actividade nel. Poden presentarse directamente, ou seren propostas por calquera persoa ou entidade. Terán de prazo para presentar candidaturas ata o 11 de decembro. A entrega de premios celebrarase o 19 de decembro no salón de actos da Cámara de Comercio de Santiago ás 20 horas.

Premiados en 2016

O ano pasado recibiron este galardón, na categoría de nova incorporación, Coralia; na categoría de empresas cun uso continuado do galego, Na Nube, e houbo unha distinción especial para a Alvarellos.