Buscar
15:26h. Domingo, 21 de Enero de 2018

O PRAZO ESTÁ ABERTO ATA O 16 DE OUTUBRO

A Cámara de Comercio busca proxectos innovadores na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra

Potenciar o sector forestal e a súa capacidade de innovación é o propósito co que a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa impulsou o Premio ao proxecto innovador forestal, que este martes foi presentado na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra. 

A Cámara de Comercio presentou o Premio ao proxecto innovador forestal na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra. /DUVI.
A Cámara de Comercio presentou o Premio ao proxecto innovador forestal na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra. /DUVI.

Co propósito de dalo a coñecer entre o alumnado da Escola de Enxeñería Forestal e animalo a emprender e innovar, o vicepresidente primeiro da Cámara de Comercio, Eduardo Barros, acompañado polo director da Escola, Juan Picos, e o director territorial de Ence, Antonio Casal, presentaron este galardón, dotado cun primeiro premio de 5.000 euros e un accésite de 2.000 euros. 

Aberto á participación de calquera persoa física e xurídica e a proxectos referidos tanto a procesos como a produtos e servizos do sector, este premio mantén aberto o seu prazo de presentación de propostas ata o 16 de outubro, segundo explicou Barros, que engadiu que, ademais da dotación económica, a iniciativa gañadora poderá acceder a un espazo de coworking nas instalacións do Consorcio Zona Franca no Porto do Molle.

A orixinalidade, a creación de valor, a escalabilidade e sustentabilidade e o potencial de difusión son algúns dos criterios que terá en conta o xurado duns premios que se entregarán o 30 de novembro. “O máis importante é que o premio contará con apoio de profesionais para o seu desenvolvemento, queremos que esas ideas se materialicen”, salientou o representante da Cámara nun acto no que Picos agradeceu que tentasen promover a innovación no sector forestal e no que tanto Barros como Casal recalcaron ao alumnado “a importancia que ten o sector no que vos estades formando”.