Buscar
05:25h. Sábado, 22 de Septiembre de 2018

No marco de Termatalia

Os balnearios e as augas minerais galegas presentan a súa oferta en Brasil

A Asociación de Balnearios de Galicia participa esta semana na localidade brasileña de Foz do Iguaçu na 18º edición de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar.

O xerente da entidade e do Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia, Benigno Amor, en Termatalia Brasil.
O xerente da entidade e do Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia, Benigno Amor, en Termatalia Brasil.

Neste foro mundial de termalismo danse cita expertos procedentes de máis de 25 países. A finalidade é impulsar o mercado do turismo termal, ao tempo que se establecen vínculos científicos e comerciais entre o continente europeo e o americano.

A Asociación de Balnearios de Galicia, que conta cun stand na feira, dará a coñecer as potencialidades de Galicia como primeiro destino termal de España dende a perspectiva mineira, sanitaria e turística. O xerente da entidade e do Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia, Benigno Amor, incidirá durante esta semana no valor das augas minerais e termais galegas dende o punto de vista do turismo, a innovación e a sostenibilidade.

No marco desta feira, Amor explicará o proceso de constitución do Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia, que aglutina ás dúas asociacións empresariais galegas vencelladas á explotación do recurso: a Asociación de Balnearios de Galicia e a Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (Agamin). Creouse en 2011 impulsado por diversas asociacións e a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia. É unha experiencia única en Europa, xa que non existe ningunha que aglutine os balnearios e as empresas de augas envasadas.

Forman parte da Asociación de Balnearios de Galicia 18 establecementos termais. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). En Lugo Augas Santas (Pantón) e Termas Romanas de Lugo. En Ourense están os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). E en Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e Mondariz.

Pola súa parte, Agamin conta con seis empresas asociadas: Fontecelta e Aguas de Cospeito (Fontoira), na provincia de Lugo; Aguas de Cabreiroá e Sousas, na provincia de Ourense; e Agua Sana e San Xinés na de Pontevedra.

Como iniciativa do Clúster, en Brasil estase a presentar a marca “Auga de Galicia”, que contribuirá a diferenciar e darlle valor á orixe galega e ás virtudes da composición e calidade das nosas augas minerais e termais, así como a aplicación para smartphones “Auga de Galicia”, que permite xeolocalizar os perímetros de protección dos acuíferos de augas minerais que existen no noso territorio.