Beneficiará os 1.500 comercios asociados

A Federación de Comercio de Ourense renova o convenio de colaboración con Abanca

A Federación de Comercio de Ourense vén de asinar un convenio de colaboración con Abanca, entidade coa que tamén actualizou as condicións financeiras que facilita aos comerciantes asociados.

A Federación de Comercio de Ourense renova o convenio de colaboración con Abanca
Rubén Saavedra e Beatriz Valcárcel.
Rubén Saavedra e Beatriz Valcárcel.

A presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez Valcárcel, e o director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra Pedreira, rubricaron un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial de proximidade.

O convenio facilita que os comerciantes de Ourense asociados á Federación de Comercio accedan a unha ampla oferta financeira con condicións melloradas respecto ao mercado. Así, os asociados poderán contratar produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial en condicións máis vantaxosas. O protocolo tamén inclúe condicións especiais na contratación de liñas de comercio exterior.

Ademais, os comerciantes da provincia asociados poderán beneficiarse doutras fórmulas de financiamento como o Plan Activamos, posto en marcha de maneira exclusiva coa Deputación de Ourense, e os convenios oficiais de ICO, Igape e Sogarpo.

O documento asinado pon a disposición deste colectivo de empresarios e autónomos a comercialización de produtos específicos da entidade bancaria, e tamén as vantaxes do novo Programa Cero Comisións de Abanca. 

Os asociados para acollerse a este convenio deberán presentar certificado de estar integrados na Federación de Comercio de Ourense e ademais deberán adaptarse ás condicións establecidas por Abanca para cada produto en concreto contempladas no acordo de colaboración. Na actualidade a Federación agrupa os intereses de máis de 1500 negocios da provincia ourensá.

A Federación de Comercio de Ourense renova o convenio de colaboración con Abanca