Buscar
11:46h. Domingo, 19 de Agosto de 2018

CONVENIO COA FEDERACIÓN DE COMERCIO

Abanca renova o seu compromiso co pequeno comercio ourensán

Abanca e a Federación de Comercio de Ourense veñen de renovar o seu convenio financeiro co obxectivo de impulsar, fundamentalmente a través do crédito, a reactivación económica e comercial da provincia.

Beatriz Gómez e Rubén Saavedra rubricaron o acordo entre a Federación de Comercio de Ourense e Abanca.
Beatriz Gómez e Rubén Saavedra rubricaron o acordo entre a Federación de Comercio de Ourense e Abanca.

A presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez Valcárcel, e o director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra Pedreira, rubricaron un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial da provincia.

En virtude deste acordo os establecementos asociados terán á súa disposición condicións especiais nos servizos bancarios necesarios para a súa actividade. Así, os asociados poderán contratar produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial.

Grazas a este convenio os asociados tamén poderán beneficiarse de liñas de financiamento especial grazas ao Plan Activamos. Deste xeito, os comerciantes poderán dirixirse ás oficinas de Abanca para solicitar información e financiamento, a través desta liña aberta polo banco e a Deputación de Ourense. Do mesmo xeito, os profesionais pertencentes á Federación poderán beneficiarse das fórmulas de financiamento oficiais incluídas nos convenios que a entidade financeira mantén con ICO e Igape, así como coa sociedade galega de garantía recíproca Sogarpo.

Os asociados tamén poderán aproveitarse das vantaxes do Programa Cero Comisións da entidade bancaria e poderán beneficiarse de tarifas personalizadas na alta e mantemento de dispositivos TPV.

Asemade, o banco poñerá a  disposición dos interesados persoal especializado na xestión de seguros, quen asesorará das pólizas que mellor se adapten ás necesidades de cada afiliado. Abanca tamén ofrecerá o aos asociados o seu servizo de banca a distancia.