Buscar
12:54h. Lunes, 15 de Octubre de 2018

No marco dos actos do 50º aniversario dos estudos de Economía

Unha xornada na USC dará a coñecer o estado actual do emprendemento entre os universitarios galegos

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela organiza este venres 16 en colaboración con GEM Galicia unha xornada na que se analizará o estado actual do emprendemento entre os universitarios españois e, en particular, galegos.

A Facultade de Económicas da USC está a celebrar os 50 anos dos estudos de Economía en Galicia.
A Facultade de Económicas da USC está a celebrar os 50 anos dos estudos de Economía en Galicia.

A sesión enmárcase no marco da celebración dos 50 anos dos estudos de economía de Galicia, e nela abordarase ademais esta temática desde a perspectiva de xénero, dados os resultados do último informe do Global Entrepreneuship Monitor (GEM) realizado por un equipo de investigadores da Universidade de Santiago (USC). Segundo datos deste estudo, un terzo dos universitarios españois que cursan últimos cursos manifesta a intención de emprender en poucos anos. Os resultados do Informe GEM-Galicia 2016 corroboran esta tendencia maior a emprender entre a comunidade universitaria fronte á poboación xeral en Galicia (37% fronte a 13% entre 25-44 anos).

A xornada será inaugurada ás 12 horas no salón de graos da facultade o secretario xeral de Universidades, José Díez de Castro, acompañado do adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José M. Cotos, e a decana do centro, Emilia Vázquez.

A sesión consiste nunha mesa redonda moderada pola profesora da USC e directora de GEM Galicia, Loreto Fernández, na que participarán especialistas que explicarán a realidade da cuestión no momento actual. Así, Maribel Guerrero dará a coñecer os resultados do Observatorio de Emprendemento Universitario en España CISE-CRUE-RedEmprendia, do que é autora; e a profesora da USC e directora técnica do Informe GEM Galicia, Isabel Neira, fará unha análise da evolución nos últimos anos en Galicia.

O emprendemento universitario desde unha perspectiva de xénero será o tema a tratar na mesma sesión pola técnica de transferencia de coñecemento no Programa Woman Emprende da USC Eva López e a promotora da empresa Situm, Cristina Gamallo.

O proxecto GEM

O Global Entrepreneuship Monitor (GEM) é un observatorio internacional para analizar e avaliar o impacto da actividade emprendedora no crecemento económico. En España o proxecto lidérao o Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE).

Galicia sumouse a esta iniciativa en 2005 cun equipo configurado na actualidade pola USC, o Igape e a Asociación de Novos Empresarios (FEGAXE), coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia