Buscar
08:32h. Jueves, 23 de Noviembre de 2017

FORO ORGANIZADO CON EUROPE DIRECT

A Universidade da Coruña achega o mundo laboral e do emprendemento aos seus estudantes

A Universidade da Coruña e Europe Direct organizan os días 7 e 8 de novembro o Foro Xuventude en Movemento de promoción do emprego e o emprendemento entre o estudantado universitario. 

O Foro Xuventude en Movemento, que terá lugar en horario de mañá e tarde na Facultade de Economía e Empresa, será inaugurado polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o deputado de Promoción Económica e Emprego da Deputación da Coruña, José Luis García, e o director Xeral de Relacións Internacionais coa UE da Xunta de Galicia, Jesús María Gamallo, que estarán acompañados pola vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor; a vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre; o decano da Facultade de Economía e Empresa, Anxo Calvo; e a directora de Europe Direct A Coruña, Amparo Taboada.

Preto dun cento de estudantes están inscritos nas actividades do Foro, que tamén poderá seguir por videoconferencia o alumnado do campus de Ferrol. Durante a mañá analizaranse os 30 anos de historia do proxecto Erasmus, a través dun relatorio a cargo de Pablo Martín González, director do SEPIE (Servizo Español para a Internacionalización da Educación), e unha posterior mesa redonda, moderada pola directora da Oficina de Relacións Internacionais da UDC, Begoña Crespo, e na que participarán profesores, persoal de administración e servizos e estudantes. 

Na sesión de tarde, os participantes poderán asistir a dous obradoiros sobre a entrevista de traballo e o currículo. 

Na xornada do mércores 8, a coordinadora da Lanzadeira de Emprego da Coruña, Pilar Bonigno, dará a coñecer este programa. Seguiralle unha mesa redonda sobre Recruiting Erasmus, na que intervirán Joaquín Vierna, director xeral, cofundador e socio de AllGenetics. Guillermo López, CEO e cofundador de Torusware. Clara de Lorenzo, directora de RRHH de Gadisa.

Despois, analizarse a mobilidade laboral en Europa, coa participación de Covadonga López, conselleira de EURES, María Belén Mendoza Chandas, responsable de proxectos europeos de Erasmus para Novos e Novas Emprendedores da Cámara de Comercio de Santiago, Javier Ramón Ramón, CEO de Viajeros Low Cost, e Giacomo Chiari, novo emprendedor italiano.

Un debate sobre voluntariado e a presentación de CiberPlus, un ecosistema integral de innovación social europeo, completan a programación do segundo día do foro.