O prazo para participar nesta convocatoria está aberto ata o 20 de outubro

O programa Argos da USC busca emprendedores entre a comunidade universitaria

A Universidade de Santiago mantén aberta ata o 20 de outubro a convocatoria do programa Argos de apoio ao emprendemento entre a comunidade universitaria.

O programa Argos da USC busca emprendedores entre a comunidade universitaria

O programa Argos busca equipos interdisciplinares de emprendedores universitarios aos que se lles facilitará acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente. Traballo en equipo e “aprender facendo” son as dúas claves desta iniciativa aberta a alumnado de grao, máster, doutoramento e últimos anos de grao, así como a titulados das últimas promocións e persoal ou colaboradores de grupos de investigación.

A conformación dos posibles equipos de Argos susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo, a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresarial, e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC e ideas procedentes de empresas da contorna de Santiago e de Lugo que poderán ser a base de futuras plans de empresa.

O programa comeza a última semana de outubro con entrevistas aos participantes, seguida da constitución dos equipos con catro ou cinco integrantes que, finalmente, desenvolverán un plan de empresa titorizados por persoal de Argos para presentalo ante un xurado. Haberá tamén unha sesión de adestramento en exterior (outdoor training) e de traballo en equipo.

Premios
Ao remate do programa, os plans entregados poderán optar a algunhas das dúas categorías de premios establecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha (Argos Spin para proxectos baseados en resultados de investigación da USC, e Argos Enxeño para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago e Lugo), así como seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación.

O programa Argos da USC busca emprendedores entre a comunidade universitaria