Buscar
05:10h. Viernes, 22 de Junio de 2018

APOIARÁ ENTRE 16 E 22 PROXECTOS EMPRENDEDORES

Deputación de Pontevedra e EOI convocan a segunda edición dos espazos coworking de Barro

A Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial (EOI) lanzan a segunda convocatoria dos espazos de coworking do viveiro de empresas de Barro, que dará cabida a entre 16 e 22 proxectos emprendedores.

Autoridades e participantes no primeiro coworking de Barro.
Autoridades e participantes no primeiro coworking de Barro.

A segunda convocatoria dos espazos coworking permitirá aos beneficiarios dispor dun espazo de traballo gratuíto durante cinco meses así como dun programa de asesoramento personalizado, formación para potenciar as competencias en emprendemento e en xestión de proxectos e acceso aos laboratorios de fabricación dixital que se atopan no mesmo centro. 

Os proxectos seleccionados seguirán un proceso de asesoría personalizada de 40 horas por parte de persoal experto. O asesoramento ten por obxectivos acompañar ás e aos emprendedores dende o deseño do modelo de negocio ata a súa posta en marcha e a optimización do proxecto, dando resposta ás necesidades que aparezan no camiño.

Ademais, desenvolveranse máis de 60 horas de formación especializada en diversas temáticas que se tratarán en obradoiros e sesións formativas grupais para potenciar as competencias en emprendemento e en xestión de proxectos. Os cursos abordarán por exemplo a consolidación e validación do modelo de negocio seguindo a metodoloxía "Lean StartUp", as habilidades e ferramentas para o emprendemento ou materias específicas para o impulso e despegue do proxecto empresarial.

Por outro lado, celebraranse diferentes actividades encamiñadas a potenciar o networking e compartir boas prácticas, contando coa experiencia doutras iniciativas emprendedoras, persoas expertas e empresariado. Como peche, celebrarase un Demo Day durante o cal se presentarán os proxectos participantes no espazo coworking, a súa evolución e as posibilidades de colaboración cos mesmos.

As e os participantes no coworking terán acceso tamén de maneira gratuíta ao novo FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital) da Deputación de Pontevedra, que está situado no mesmo espazo do viveiro de Barro. Nestes laboratorios desenvolveranse unha completa programación de talleres específicos de fabricación dixital para promover o coñecemento e uso desta tecnoloxía. Deste xeito, calquera emprendedor que o precise poderá experimentar e prototipar o seu deseño nestas innovadoras instalacións.

As iniciativas empresariais interesadas en participar nesta segunda convocatoria poderán cursar as súas solicitudes na páxina web: https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/pontevedra-2aedicion/admision. O espazo coworking dará comezo na primeira semana de xuño.