Buscar
17:25h. Martes, 25 de Septiembre de 2018

Con charlas e visitas ao viveiro de empresas de Costa Vella

A Cámara de Santiago inicia unha campaña para fomentar o espírito emprendedor entre os estudantes

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela inicia unha nova campaña para fomentar o espírito emprendedor entre os estudantes de secundaria, bacharelato e formación profesional dos centros educativos da demarcación cameral.

Viveiro de empresas da Cámara de Santiago no polígono de Costa Vella.
Viveiro de empresas da Cámara de Santiago no polígono de Costa Vella.

Estas xornadas, que comprenden visitas guiadas ao viveiro de empresas de Costa Vella e charlas divulgativas nos centros escolares, permitirán ao alumnado coñecer de primeira man o funcionamento da incubadora empresarial e os servizos de creación de empresas que se prestan aos emprendedores e empresarios da Cámara compostelá.

A técnico de creación de empresas da Cámara, Rosa Cardeso, explica que o obxecto fundamental desta iniciativa é que os estudantes se acheguen ao mundo empresarial e consideren o autoemprego como unha “opción laboral viable”. Ademais, sinala que estas actuacións permiten avanzar no emprego, igualdade, crecemento, competitividade e innovación das empresas do futuro, contribuíndo a enriquecer a cultura emprendedora dos máis novos. Como cume das visitas ao viveiro de empresas, os alumnos asistirán a unha charla sobre a experiencia profesional dalgún emprendedor da incubadora.

A campaña comezará con nove visitas e charlas divulgativas para estudantes de centros de Santiago, Ames e Melide, organizadas en colaboración cao Cámara de Comercio de España e con financiamento do Fondo Social Europeo. As primeiras accións serán este vernres, día 9. Un grupo de 15 alumnos do ciclo superior de edificación e obra civil do IES As Fontiñas de Santiago visitará o viveiro de empresas ás 9:00 horas. E ás 10:00 horas, un técnico cameral impartirá unha charla divulgativa no EASD Mestre Mateo de Santiago para 50 estudantes do grao de moda e dos ciclos superiores de escultura, xoiaría e fotografía.

Nos próximos meses, a Cámara ten previsto organizar outras xornadas de fomento do espírito empendedor cooperativo no ámbito educactivo, nesta ocasión organizadas en colaboración coa Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento e o desenvolvemento da economía social.