A Deputación reparte 1,1 millóns

As axudas do PEL-EMPRENDE da Deputación da Coruña apoian 194 proxectos empresariais

A Deputación a Coruña vén de conceder 1,1 millóns de euros en axudas da liña PEL-EMPRENDE, coas que quere impulsar 194 proxectos empresariais da mocidade coruñesa.

As axudas do PEL-EMPRENDE da Deputación da Coruña apoian 194 proxectos empresariais

O Boletín Oficial da Provincia publicaba o mércores 19 de xullo a concesión definitiva destas achegas, coas que se pretende apoiar aos emprendedores de entre 25 e 35 anos, empadroados nos concellos da provincia da Coruña, na posta en marcha da súa idea de negocio ou no afianzamento de empresas de nova creación.

Estas subvencións están destinadas ao investimento en bens inventariables novos e necesarios para a realización da actividade empresarial, tales como maquinaria, equipos e aplicacións informáticas, mobiliario e útiles de traballo. As axudas cobren adquisicións de ata 40.000 euros, dos cales o 50% é subvencionado pola Deputación.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, apuntou que esta liña do Plan de Emprego Local (PEL) "contribuirá a consolidar o tecido emprendedor da provincia con novos proxectos que empezan de xeito moi modesto, pero que nuns anos poden chegar a consolidarse e ser referencia no seu sector".

Para a valoración das solicitudes á liña de subvencións do PEL-EMPRENDE, a Deputación tivo en conta, entre outros aspectos, o carácter innovador da empresa, o número de traballadores, o seu sector profesional, dando maior puntuación ás iniciativas empresariais relacionadas co ámbito do medio ambiente, as enerxías renovables e as empresas de base tecnolóxica; así como aquelas que aplican medidas de responsabilidade social empresarial, como conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores, fomento da igualdade de xénero ou inserción laboral de persoas con discapacidade.

Distribución por concellos, comarcas e sectores

Entre os concellos con maior número de solicitudes presentadas e admitidas destacan A Coruña (34), Santiago (22), Santa Comba (10), Narón (7), Arteixo(6), Culleredo (6), Ferrol (6), Vimianzo (5) e Ribeira (5).

A comarca da Coruña e As Mariñas é a que máis axudas concentra, un total de 69, que suman 348.449 euros. Doutra banda, a Deputación achega á 63 empresas da comarca de Santiago un total de 387.669 euros.

A gran maioría das axudas, máis dun 75%, foron concedidas a empresarios individuais e autónomos, mentres que un 24% recaeu en microempresas de menos de 10 traballadores.

Nos sectores de actividade, destaca o terciario, coma a hostalería, o comercio ou os servizos, ao que se dedican o 91% das empresas beneficiarias do PEL-EMPRENDE. Así mesmo, tamén se concederon axudas a pequenas empresas de outros sectores coma a agricultura, a gandaría, a construción ou as tecnoloxías da información.

En total, o Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña destinará un total de 30 millóns de euros durante período 2016-2019 para estimular a creación de novos postos de traballo nos sectores público e privado e apoiar as iniciativas emprendedoras

As axudas do PEL-EMPRENDE da Deputación da Coruña apoian 194 proxectos empresariais