ATA O 8 DE FEBREIRO

A aceleradora de contidos dixitais de R e Amtega lanza cinco retos tecnolóxicos

O programa de aceleración de contidos dixitais R_DICo Challenge que impulsan o operador R e máis a Amtega vén de lanzar cinco retos tecnolóxicos a emprendedores e empresas.

A aceleradora de contidos dixitais de R e Amtega lanza cinco retos tecnolóxicos
Alfredo Ramos e Mar Pereira presentando a aceleradora Startups R_DICo Challenge.
Alfredo Ramos e Mar Pereira presentando a aceleradora Startups R_DICo Challenge.

O primeiro dos retos propostos reclama propostas de sistemas para o enriquecemento de contidos deportivos. Trátase de lle tirar partido ás posibilidades dos datos e de internet para conseguir experiencias intensificadas na contorna do deporte na pantalla: xogos, publicidade, sincronización con aplicacións, elección de cámara...

O segundo reto procura aplicacións para android TV. Dunha banda, na vertente de contidos xerados pola comunidade de usuarios (por exemplo, os vídeos compartidos) e doutra, o gaming, os xogos e as competicións en streaming dende a tele.

Sobre contidos formativos e divulgativos innovadores vai o terceiro reto de startups R DiCo Challenge. A idea é buscar solucións para ser quen de divulgar e formar ás persoas aproveitando todas as posibilidades do universo dixital: realidade aumentada, simulación tridimensional, audiovisual, gaming, a televisión conectada...etc.

A Televisión de Galicia patrocina o cuarto reto da aceleradora dixital de R, que fala do big data aplicado ao consumo televisivo. No medio audiovisual, os datos, a información, tamén son esenciais. Con este reto búscanse ideas para recoller, ordenar e aproveitar os datos cara un consumo televisivo intelixente que nos permita tomar “decisións informadas”.

O quinto e último é o chamado reto aberto, pensado para os máis innovadores, aos que non seducen os retos anteriores. A única condición que se esixe neste caso é que os proxectos acheguen algo novo no eido dos contidos dixitais (realidade aumentada, ioT aplicada a contidos dixitais, ferramentas de animación...)

Selección de propostas

As propostas para solucionar estes cinco retos pódense presentar ata o 8 de febreiro na páxina web da aceleradora. Un comité de avaliación seleccionará, nunha primeira fase, 20 candidatos do total de participantes que se presenten, e nunha segunda elixiranse os 5 proxectos definitivos.

Os seleccionados recibirán sesións formativas durante varios meses e terán, ademais, á súa disposición, cadanseu mentor e a axuda económica da Amtega para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos. Ao tempo, os 5 retos seleccionados no programa startups R_DiCo Challenge, que poderán utilizar o espazo startups R habilitado na Cidade da Cultura, traballarán man a man con R e terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio, recibirán a formación e o acompañamento permanente dos mentores e titores de R e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo.

Os que opten polo reto patrocinado pola TVG contarán, pola súa banda, cun mentor e cos medios e infraestruturas da Televisión de Galicia. Ao final, e tras a mutua aprendizaxe, os elixidos terán en R un potencial primeiro cliente e un trampolín para outras saídas comerciais ao mercado.

Comentarios
A aceleradora de contidos dixitais de R e Amtega lanza cinco retos tecnolóxicos