Programa de laboratorios cooperativos da Xunta

73 emprendedores fórmanse no rural co obxectivo de constituír unha cooperativa ou sociedade laboral

Un novo programa do Goberno galego está a permitir a posta en marcha de 13 laboratorios cooperativos que se desenvolven en nove concellos do rural e nos cales se están formando 73 emprendedores que teñen un mesmo obxectivo: constituír unha cooperativa ou sociedade laboral.

73 emprendedores fórmanse no rural co obxectivo de constituír unha cooperativa ou sociedade laboral
Entre os proxectos que se desenvolven hainos do sector agroalimentario./J.SALGADO.
Entre os proxectos que se desenvolven hainos do sector agroalimentario./J.SALGADO.

O Consello da Xunta informou este xoves sobre a resolución deste programa, a través do cal Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a economía social nos concellos da Veiga (Ourense); Ames, Aranga, Arteixo, Bergondo, Oza-Cesuras e Sada (A Coruña); e Ponteareas e Vilagarcía (Pontevedra).

Os proxectos que se están desenvolvendo nos laboratorios cooperativos forman parte de diversos sectores, entre os que destacan o agroalimentario, o social, o educativo, o comercial e o ambiental. Entre as ideas de negocio destacan as relacionadas con produtos de apicultura; cárnicos; ecolóxicos; servizos a persoas dependentes; limpeza ecolóxica; xardinaría e paisaxismo; repostaría árabe, recollida de residuos e transformación en compost ecolóxico; ou formación en márketing e vendas, entre outros.

Axudas

A Administración autonómica, para activar os laboratorios cooperativos no rural, concedeu axudas por un importe próximo aos 125.000 euros a concellos, entidades sen ánimo de lucro e empresas, que foron as encargadas de identificar novas oportunidades de negocio nas súas zonas e de seleccionar as 73 persoas desempregadas que se están formando e que están interesadas en emprender. En concreto, tres proxectos están promovidos por concellos; catro por entidades sen ánimo de lucro, e seis por empresas privadas.

As axudas concedidas polo Goberno galego cobren ata o 80% dos gastos da actividade formativa, de titorización e asesoramento e gastos de coordinación asociados. As cooperativas ou sociedades laborais que se constitúan a partir dos laboratorios poderán acollerse á próxima convocatoria de axudas destinada a este fin. Estes apoios son compatibles e complementarios cos do programa Aprol Economía Social, Aprol Rural e o de asesoramento da Rede Eusumo.  

73 emprendedores fórmanse no rural co obxectivo de constituír unha cooperativa ou sociedade laboral